A primeira análise realizada á enfermeira galega Teresa Romero descartou a presenza en sangue do virus do ébola, segundo informaron fontes sanitarias do hospital Carlos III de Madrid, onde segue ingresada. Os resultados téñense que confirmar nunha segunda proba que se realizará dentro de 48 horas.
A enfermeira de Becerreá leva ingresada desde o 6 de outubro
A primeira proba que confirma a recuperación de Teresa Romero, a enfermeira contaxiada por ébola e ingresada o pasado 6 de outubro en medio dunha cadea de erros con responsabilidades gobernamentais, foi realizada nas últimas horas polo Centro estatal de Microbioloxía do Instituto Carlos III.
As citadas fontes informaron de que, das outras tres persoas ingresadas, realizáronse as probas a outras dúas, ambas hospitalizadas no mesmo centro, dando en ambos casos un resultado negativo.
Pola súa parte, o marido de Teresa Romero, en illamento, anunciou que iniciará accións legais contra os que considera responsábeis dunha "gran chapuza".