Após coñecérense os Orzamentos Xerais do Estado para 2013, o goberno español destinará ao financiamento do programa Erasmus arredor dun 60% menos que no curso anterior. Aliás, a Comisión europea, anunciaba esta mesma semana que non contaba cos fondos suficientes para facer fronte ao pagamento das bolsas para o que solicitaría axuda dos estados membros.
Neste sentido, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, solicitou na sesión plenaria do Parlamento Europeo que se garantan os fondos necesarios para facer fronte ao déficit actual --duns 90 millóns de euros-- e manteña deste xeito un progama de mobilidade de que se benefician 213.000 estudantes en toda a UE e 1490 alumn@s das tres universidades galegas.
Segundo Miranda, o Programa Erasmus é un dos máis "efectivos na consolidación de idea dunha Europa unida, tolerante e solidaria", que permite completar os estudos universitarios no estranxeiro convertendo o que antes "era un privilexio duns poucos, en algo accesíbel para tod@s". A eurodeputada fixo un chamamento á institución europea a negociar cos estados membros un incremento nas aportacións que estes fan ao programa --algo que contrasta coa grande redución implementada polo goberno español-- á fin de "evitar a demora nos pagamentos das bolsas para este próximo curso".
Asemade, Ana Miranda subliñou que nun momento de crise como o actual en que as persoas máis prexudicadas está a ser a mocidade; "é cando máis necesarios son estes programas formativos".