Publicado polo Concello de Lalín, a cuxa corporación optou Sucasas en tres ocasións nas listas da organización nacionalista, foi a súa viúva, Chiruca Janeiro, a encargada de sintetizar en 50 columnas xornalísticas o seu pensamento. Contou coa colaboración de Vilariño, edil en funcións de Turismo. “Este material define perfectamente a figura de Sucasas”, relata este último a Sermos, “a dun auténtico patriota. Falan de economía, de lingua, de política, pero o denominador común é ese acento de patriotismo, mirar as cousas desde o país”.
José Luis Sucasas nacera na parroquia de Cadrón -presente de continuo nos seus escritos- en 1959. Morreu dun ataque ao corazón hai dous anos. “Era unha persoa plural, aberta e dialogante”, descríbea Vilariño, “e moi firme á hora de ver todo desde Galiza como solución”. Nacionalista por ideas e por práctica, á hora de escribir usaba “esa retranca tan intelixente” que o caracterizaba.
“O libro é unha homenaxe a un veciño destacado de Lalín”, sinala o edil nacionalista. Ademais dos 50 artigos inclúe dous limiares, un do consistorio e outro do escritor e xornalista Moncho Vilar. “Foi un traballo duro de facer”, explica, “porque cada artigo lembrábache os cafés con Sucasas”. Ademais de Janeiro e Vilariño, tamén contribuíron ao traballo Fernando Pereira e Alfonso Toimil.
No acto desta quinta feira ás oito do serán participarán Vilariño, Villar e o alcalde en funcións da localidade do Deza, Rafa Cuíña.