Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña alertan dun novo ataque á sanidade pública da comarca coa supresión dun técnico de transporte sanitario na ambulancia de soporte vital avanzado con base en Foz. Segundo denuncia esta plataforma en defensa da sanidade pública, a Xunta suprime sen aviso previo e de forma inesperada por medio do novo concurso de contratación un dos dous técnicos da ambulancia cos que conta o concello de Foz.
Segundo Montse Porteiro, coordinadora da plataforma, a supresión deste posto que levaba operando desde 2007 deixa ver que "ao goberno de Núñez Feixoo non lle importa que as comarcas periféricas e afastadas das cidades queden en inferioridade de condicións en canto a asistencia sanitaria urxente".
Desde o BNG tamén denunciaron este novo recorte. O seu alcaldábel en Foz, Francisco Xavier Fanego, denunciou que os novos pregos da licitación do servizo de ambulancias medicalizadas do Sergas significan un novo ataque á sanidade pública na comarca da Mariña. “Non podemos permitir que nos sigan sometendo a máis perdas de calidade na asistencia sanitaria, e poñendo en risco as nosas vidas”, afirmou Fanego, quen tamén informou que a súa formación levará esta problemática ao Parlamento.
Estase a dar na Mariña un paulatino aumento nas derivacións cara a Lugo xunto ao aumento dos tempos de agarda
O novo recorte sanitario únese ao acontecido a comezos de ano, cando o Sergas acabou co concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas da Mariña sen dar alternativas e deixando co tratamento suspenso ás persoas que eran atendidas.
Desde que A Mariña deixou hai máis dun ano de ser considerara área sanitaria estase a dar un paulatino aumento nas derivacións cara a Lugo xunto ao aumento dos tempos de agarda para consultas e diagnoses, así como sobrecarga no persoal sanitario.