A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) vén de informar da chegada, este domingo, dun temporal que afectará á costa galega.
Deste modo, todo o litoral fica en alerta laranxa por un fenómeno adverso no mar, que deixará ventos de forza oito e ondas que poderían superar os sete metros de altura.
Segundo as previsións, os primeiros efectos empezarán a ser palpábeis na costa de Lugo mediada a tarde deste domingo, e se estenderá ao noroeste, oeste e suroeste do litoral coruñés e ás Rías Baixas a primeira hora da mañá desta segunda feira.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou do decreto da alerta laranxa aos concellos afectados; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarias de Protección Civil e clubs náuticos.
Recomendacións
Por mor do temporal, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa mentres dure a alerta.
Así, apela a evitar diques, rompentes, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser barridas polo mar.
Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.