Os temores e mesmo as psicoses que a chegada dalgún caso de contaxio de Ébola ao Estado español teñen desatado viviron este mércores un capítulo no principal hospital público da Coruña, o CHUAC, onde se produciron momentos de tensión polo ingreso dunha persoa con febre e do que se chegou a pensar que podería ser un infectado polo virus, algo que despois se confirmou que era falso.
Tratábase dunha persoa que visitara recentemente un dos países directamente atinxidos pola epidemia
O 061 trasladou de Urxencias a unha persoa de orixe africana con febre que hai un ano visitara algún dos países directamente afectados pola epidemia, o que espertou sospeitas malia que xa existían informes que negaban que portase o ébola, como despois se constatou.
Porén, ao coñecerse o caso estendeuse unha alarma entre pacientes e persoal, neste último caso agravada, segundo fontes d@s traballador@s, pola “falta de seguridade e de protocolos axeitados por mor do abandono até o de agora das autoridades sanitarias”. Malia as tensións vividas, en ningún momento se activou a alerta sanitaria, reconducíndose a situación ao confirmarse que non se trataba dun caso de ébola.