A Asociación en Defensa da Costa da Morte (Adecom) denuncia a través dun comunicado que Xeal ─propietaria dos activos eléctricos e de ferroaleaxes na Costa da Morte da antiga Ferroatlántica─ reduce o caudal ecolóxico do río Xallas e faino “con permiso da Xunta”.
“Segundo informacións ás que tivemos acceso”, indican, a Xunta autorizou a reducir o caudal ecolóxico que libera o encoro de Santa Uxía que explota para a produción hidroeléctrica, “o que xa estaría a aplicar, como se pode comprobar a simple vista do ínfimo chorro de auga que cae agora na fervenza do Ézaro”.
Adecom manifesta a súa ospeita de que detrás deste cambio de criterio "hai unha nova concesión do Goberno galego ao sector eléctrico privado”
Isto, indican desde Adecom, suporía que se está a incumprir o mandato xudicial “que dera a razón á entidade AEMS Ríos con Vida na súa denuncia presentada en 2010 polas continuas secas que viña provocando a eléctrica no río Xallas, e que entre outros prexuízos poñía en grave risco a supervivencia da biodiversidade nos 1,4 km do treito final do río, que contén especies protexidas e mesmo algunha en perigo de extinción, coma o Isoetes fluitans”.
Esa instrución xudicial obrigaba, afirma a asociación, a empresa a liberar un caudal mínimo (ecolóxico) de 3,434 m³ de auga por segundo, “o que se viña respectando desde 2010 até agora, o que permitiu a recuperación e consolidación da vida natural do río e tamén que a fervenza se volva converter no inmenso atractivo que é hoxe, e xa non por ser a única fervenza "con horario de apertura".
Adecom manifesta a súa sospeita de que detrás deste cambio de criterio "hai unha nova concesión do Goberno galego ao sector eléctrico privado”.