Dúas organizacións sen ánimo de lucro de Compostela, Rede Feminista Galega e Cineclube, tramaban o cartaz para un ciclo de cine feminista ao ar libre. E toparon co Concello.
Cando foron solicitar os correspondentes permisos coñeceron de primeira man a nova ordenanza de ocupación e uso da vía pública que aínda non entrou en vigor --aprobarase esta quinta, día 31 de maio-- mais que o Goberno que encabeza Ángel Curras comezou a aplicar xa a título informativo, e en virtude da cal estes dous colectivos deben achegar ás arcas municipais a cantidade de 400 euros. Será finalmente a metade o que deban pagar, ao seren estas actividades completamente de balde para o público asistente e non procurar, por tanto, ningún beneficio á organización.
De botarmos unha ollada ao texto da normativa con présa non é doado encontrar as taxas que cómpre aboar polo uso da vía pública, e que terán que achegar tamén os puntos de descarga de vehículos eléctricos, os caixeiros automáticos e as mesas informativas. Os artigos en que aparecen previstas son o 109 e seguintes, ao final da norma que sairá adiante nesta semana e que vén actualizar a vixente até o de agora, de 1998.
Segundo alertaron desde diversos colectivos sociais e a oposición no propio Concello, a ordenanza municipal pode vulnerar nalgúns puntos o dereito á liberdade de expresión da cidadanía. Prevé multas de até 3.000 euros se non se aboaren as taxas correspondentes, e equipara para os efectos de tramitación e taxas a colocación dunha mesa informativa, un acto cultural e a colocación das barracas das festas.