Alcanzados eses obxectivos mínimos ao longo de 2018, fieis ao noso compromiso de construír o proxecto sobre o marco da pluralidade, do diálogo e da participación de todas as persoas que conforman a nosa base leitora, queremos neste ano andar máis un treito no camiño de facer realidade tanxíbel o diario en papel e dixital que Galiza precisa.
En 2019 estamos preparando o lanzamento do medio para finais deste ano, ampliando a base de subscricións e dotándoo de corpo xornalístico e económico para lograr produto informativo útil para o pobo galego e tamén sostíbel economicamente no tempo.
Por iso, o 4 de maio, queremos presentarche máis pormenores dun proxecto que medrará ao longo de 2020: a estrutura, as seccións, o cabezallo ... todo o que conforma a imaxe gráfica e o suporte xornalístico dun medio que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza. O acto, aberto a accionistas, subscritoras e público en xeral, decorrerá ás 12 do mediodía o sábado 4 de maio no restaurante "A Nave de Vidán", sito en Compostela.
Queremos contar contigo neste acto. Para asistires, e por cuestións de espazo, é indispensábel que nolo comuniques enviando un correo electrónico a [email protected] antes do xoves 2 de maio, indicando nome e apelidos das persoas que queiran participar e un teléfono de contacto.