O rural galego padece en primeira liña as políticas de recortes e abandono, unha dinámica que a coordinadora da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural —coñecida como Rede do Rural— recolle nun informe que presentou onte en Lugo. Esta rede, creada en 2017, ten como obxectivo "a defensa dun medio rural desenvolvido desde a sostibilidade ecosistémica como garante da sostibilidade socioeconómica". Fan parte da mesma 25 organizacións de diferente ámbito, desde ambientalistas (Adega, Ecoloxistas en Acción) a sociopedagóxicas (AS-PG), pasando por veciñais (Cabreiros-Xermade) ou educativas (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza, Nova Escola Galega).
O estudo que presentaron onte na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo nace das achegas e reivindicacións que ao longo destes meses foron proporcionando estas e outras entidades. A conclusión que poñen sobre a mesa é que existe unha "vulneración de dereitos da cidadanía no rural".
Ensino
O fechamento e supresión de unidades escolares e niveis educativos debido á "falla de criterio da Consellaría" ten entre as súas consecuencias, denuncia a Rede, "un aumento de centros privados nas cabeceiras de comarca" en detrimento do ensino público.
Non hai tampouco, engaden, medidas e actuacións dirixidas a "garantir" a estabilización de persoal docente destinado no rural. Advirten da "mingua" nos servizos de transporte e comedor; e solicitan á Consellería de Educación "o estabelecemento dun número mínimo de alumnos para poder pechar as unitarias" así como unha "moratoria de peche" cando comece a descender o alumnado.
Hai necesidade, salientan, de que se dispoña unha "cobertura educativa ás etapas infantís temperás" no ámbito rural.
Sanidade
Os recortes en sanidade é outra das "vulneracións" denunciadas. "Evidénciase un deterioro programado ", afirman. Mala cobertura de vacantes, peches "provisionais de facto" en centros de saúde e consultorios, falta de servizos sanitarios
Unha treboada perfecta que ten incidencia na calidade de vida dos habitantes do rural, salientan, e cun "aumento do ricos vital" en colectivos como as "persoas doentes crónicas de cardiopatías, diabéticas ou outras doentes suxeitas a protocolos de seguimento e control".
Dependencia
A Organización Mundial de Saúde (OMS) situou como necesario dispor de cinco prazas en residencias por cada 100 persoas maiores de 65 anos de idade. Na Galiza, segundo os datos da Asociación estatal de directores e xerentes de servizos sociais, precisaríanse case 14.000 novas prazas en xeriátricos para cumprir coa media fixada pola OMS. No Estado, por cada 100 persoas de máis de 65 anos hai 2,8 prazas financiadas publicamente, mentres que na Galiza esa cifra cae até 2,2.
Para a Rede do Rural, a "enorme carencia" de prazas e equipamentos públicos en materia de dependencia "é un déficit endémico" na Galiza desde hai anos e con especial incidencia no rural, máis avellentado.
Xunto a esta realidade de empeoramento dos servizos públicos, estas entidades e organizacións denuncian tamén como os habitantes de rural vén afectado o seu dereito á mobilidade pola carencia de conexións como unha rede ferroviaria que atenda o interior galego ou o "desleixo" da Xunta da Galiza "para atender as demandas de contar cunha rede viaria de estradas seguras e cun bo mantemento".
Transporte e mobilidade
Neste sentido, lembran que a normativa da Unión Europea prima a "conectividade" da poboación, incidindo na necesidade de comunicar as "áreas rurais". Mais "a Galiza carece dunha planificación de infraestruturas achegadas ás persoas do rural", cos beneficios que iso implicaría a nivel de desenvolvemento social e económico.
"A Xunta non ten unha aposta real polo rural"
Rubén Constenla, portavoz da coordinadora da Rede do Rural, non acredita en lemas e slogans, como aquel da "Lexislatura do Rural" que anunciara un Alberto Núñez Feixoo no seu terceiro mandato como presidente da Xunta. "Non hai unha aposta real da Xunta polo rural galego", afirma Constenla en conversa con Nós Diario. "E se a hai, é centrada nun interese mercantilista, ver o rural como un lugar onde hai materias primas e recursos a extraer", apunta.
Ás carencias que se veñen acumulando desde hai tempo en servizos como o de educación e sanidade agora engádense unha serie de ameazas que "responde a un novo modelo de desenvolvemento que ameaza con destrozalo todo". Constenla incide en que existe un "contrasentido" entre os discursos de "sustentabilidade" que están á orde do día nas Administracións coa realidade de proxectos e iniciativas "depredadoras" do territorio.
Porén, o portavoz da Rede do Rural evita caer no pesimismo e apunta a que hai alternativas para o rural galego, "cheo de potencialidades". "Este informe recolle demandas e esixencias para as Administracións públicas competentes. Para a Xunta mais tamén para as deputacións, que poderían dar resposta a varias das nosas reivindicacións", conclúe.
"Un dos retos a curto prazo é frear Altri e os proxectos de macroeólicos"
O plan de instalación dunha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) e os proxectos macroeólicos son dous retos que a Rede do Rural ve preciso afrontar a curto prazo. "O impacto que poden ter [no rural] é evidente", salienta Rubén Constenla.
O informe presentado onte en Lugo afonda nestes temas. "Do estudo do Plan Eólico galego dedúcese que está proxectado para servir aos intereses de macroindustrias electrointensivas ou de fondos financeiros asociados aos monopolios enerxéticos", indica.
A isto engade "os perigos derivados das implantacións industriais baseadas en monocultivos forestais de eucaliptos e outras especies alóctonas en diferentes puntos" da Galiza. "Resulta incomprensíbel que se renovase unha concesión de 60 anos a unha empresa en Pontevedra [a pasteira de ENCE] consumidora de materia prima procedente da produción forestal eucaliptera.
"Por que?"
Sobre o proxecto de Altri, pregúntanse no mencionado documento "por que razón técnica e xurídica esa “implantación industrial” non se fai nun polígono industrial, toda vez que esa é a figura legal que a Lei do Solo e as planificacións urbanísticas determinan para a radicación das “actividades industriais”? Por que razón de interese xeral acreditábel se impactan amplas áreas, de grande valor produtivo e económico para os sectores primarios ou de grande valor socio-antropolóxico habitacional, ecolóxico, hidrolóxico e paisaxístico do rural?".