En Galiza continúan as mobilizacións e iniciativas contra a Lomce e as reválidas. Concentracións, referendos, recollida de sinaturas... A comunidade escolar redobrou nestas semanas os actos para exixir a derrogación desta lei. Agora, e máis unha vez, as organizacións estudiantís dan un paso e convocan unha nova greve. Será o 24 de novembro e no ensino medio de Galiza. Erguer, Asemblea nacional de estudantes galegas e Acción Universitaria son as entidades que chaman ao alumnado a apoiar esta nova mobilización.
“Estamos ante unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular, na que aínda que aprobemos todos os cursos da ESO ou do Bacharelato, o que determinará se obtemos o título ou non será un único exame”, explican. Insisten en que esta lei educativa “está deseñada para dar maiores facilidades para estudar ás elites, apoiando as axudas públicas a centros privados, incluso a aqueles que segregan o alumnado por cuestión de xénero”. Así, lembran que este curso 2016-17 comezou con 84 centros públicos menos e 38 privados máis.
Que a materia de relixión compute para a media e que sexa unha lei “que ataca a nosa lingua” e que procure “devolver competencias educativas ao goberno do Estado” son cuestións que merecen unha reposta do alumnado e comunidade educativa en xeral. “A Lomce deseñouse plenamente de costas á comunidade educativa galega, e tanto o profesorado e as familias coma o alumnado amosamos en repetidas ocasións o noso rexeitamento á mesma.”.
A Plataforma Galega en defensa do ensino apoia a xornada de mobilizacións.
Horarios:
Compostela, 12h. na Alameda.
Pontevedra, 12h. na Peregrina.
Vigo, 12h. na Praza América.
A Coruña, 12h. na Praza da Palloza.
Lugo, 12h. na Praza do Seminario.
Ourense, 12h. diante da Subdelegación do Goberno.
Ferrol, 12h. diante do Edificio da Xunta.
Concentracións:
Ás 18:00 horas:
Vigo Farola de Urzaiz
Ás 19:00 horas:
Pontevedra Praza da Peregrina
Compostela Praza Roxa
Lugo Diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes
Ourense Xardíns do Padre Feixoo
Cangas Praza do Concello
A Coruña Praza de Pontevedra
Ferrol Praza de Amada García
Ás 19.30 horas:
Carballo Praza do Concello
Cee Praza 8 de Marzo
Vilagarcía Praza de Galiza