A erosión traga cada ano 14,5 toneladas de superficie por hectárea na Galiza. Nun ano, 41,6 millóns toneladas 'desaparecen' de media no territorio galego por un problema, a erosión, que o Inventario nacional de erosión de suelos (INES) sitúa como de extrema gravidade e que empeora.
O plan de acción a este respecto, deseñado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sitúa como "tolerábel" por erosión até 12 toneladas por hectárea, o que supón 2,5 menos do que se está a dar na Galiza.
"Grave" e "moi grave"
“O chan é un recurso finito e non renovábel. É o soporte onde se desenvolve toda a vida na Terra”, describe o Instituto Xeográfico Nacional. A erosión é o desprazamento da capa superior do solo pola acción da auga ou o vento. E se ben a erosión é un fenómeno natural que, en taxas moderadas, permite a renovación do relevo e creación de novas paisaxes, “a intervención humana fai que o proceso se intensifique”, especifica o plan, e implique derivas prexudiciais para o medio mais tamén en termos sociais e económicos.
Segundo o tipo de erosión, 11,7% da superficie da Galiza sofre unha situación de erosión "moi grave" e 9,4% "grave". Suman entre ambas as dúas, 21%, o que supón aproximadamente 600.000 hectáreas.
Non é, desde logo, ese 21% o nivel de erosión que se rexistra noutros territorios do Estado, como Andalucía ou A Rioxa, os dous máis afectados por este fenómenos —con 51% e 56% da superficie, respectivamente— mais os niveis tamén son "preocupantes". De feito, a porcentaxe de erosión na Galiza é superior ao que se rexistra en comunidades como Estremadura (18%) ou Castela e León, que ten 11,2%.
A ameaza de desertización está recollida por provincias no mencionado Inventario, e aprécianse notábeis diferenzas entre as galegas. A Coruña e Lugo son as máis afectadas por esta situación, con 26,3% e 26,1% da súa superficie sometida a unha erosión "grave" ou "moi grave". En Ourense é 14,2% do seu territorio e na de Pontevedra 11,6% o que está nesa situación.
Factores
A erosión e desertización non responde a un único motivo ou factor, tampouco no caso da Galiza. Máis alá dos habituais, están entre os factores a ter en conta os incendios forestais, os monocultivos intensivos que empobrecen o terreo, os usos inapropiados, as cortas...., así como o impacto do cambio climático e a alteración do clima, o que se evidencia na Galiza en fenómenos como as secas.
Na última década a media anual de superficie queimada na Galiza sitúase aproximadamente en 20.000 hectáreas (ha), e a media por incendio foi de 6,7 ha.
A superficie arborada queimada rexistrou de media 7.300 ha e por incendio 2,47 ha. O número de incendios foi neste período dunha década por volta de 500 cada ano, de media.
O lume, ademais, deixa un terreo 'desprotexido' ante o vento e a choiva a nivel de erosión, perdendo boa parte do seu 'manto fértil'.