Esta será a primeira xornada de acción global contra o TTIP. Concentracións e actos convocados por unha ampla diversidade de movementos sociais, políticos e organizacións sindicais visan amosar o rexeitamento popular a un tratado que aínda está a ser negociado e do que se descoñece boa parte dos contidos que centran as roldas de negociación.
Porén, após as filtracións á imprensa dalgúns rascuños dos documentos partillados polas partes negociadoras e da desclasificación do mandato negociador por parte do Consello europeo, evidenciouse que os distintos bloques que comporán o futuro acordo trasatlántico atinxirán servizos públicos fundamentais e mudarán o actual marco normativo en cuestións como a saúde alimentar ou os conflitos entre as empresas transnacionais e os estados.
Neste senso, as organizacións, colectivos e movementos sociais convocantes desta xornada de loita alertan dos prexuízos sociais, económicos e laborais que carrexará a sinatura do TTIP --nas súas siglas en inglés.
Neste senso, chaman a participar nas accións convocadas para este sábado.
Na Galiza as concentracións terán lugar nos seguintes lugares:
- A Coruña : 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
- Ferrol: 12:00 horas horas na Praza do Himno.
- Compostela : 11.30 horas na Praza de Galiza.
- Lugo: 12:00 horas na Praza Maior.
- Ourense: 11.30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra : 20:00 horas na Praza da Peregrina.
- Vilagarcía : 12:00 horas na Praza de Galiza
- Vigo : Manifestación ás 20 horas, saída desde A Farola de Urzaiz.