xoves 04/03/21
DAVID COBAS COORDENA O AFONDO SOBRE O CELGA

"A Xunta discrimina a lingua e ve normal discriminar os profesionais que a dignifican"

Non é un conflito só laboral senón un exemplo do maltrato ao galego. No A Fondo que publicamos esta quinta feira 21 de maio abordamos a problemática que atinxe o profesorado CELGA. Este A Fondo realízase a proposta do propio colectivo afectado, dentro da campaña Propón o Teu A Fondo.

David_Cobas 350

-Do conflito ao redor do profesorado Celga falouse fundamentalmente como un asunto laboral. Como vai ser enfocado neste A Fondo a problemática?

-Iso é o que intenta trasladar a Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais non é certo. O conflito laboral é só parte do problema. Ao feito de que o profesorado da Secretaría Xeral de Política Lingüística estivese traballando irregularmente, hai que sumarlle os problemas de xestión e planificación por parte da Administración. Neste A Fondo trataremos de mostrar que o caso da formación de adultos en galego poder ser o paradigma do fracaso das políticas lingüísticas levadas a cabo pola Xunta.

-Cales son as consecuencias do conflito máis aló das que ten para o propio profesorado afectado?

-Aos axentes normalizadores que participamos na elaboración da primeira proposta de mellora do sistema que se lle fixo á Xunta de Galicia no ano 2012 a través da Coordenadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) preocupábanos sobre todo os prexuízos que se lle estaban á producir á cidadanía. E este aspecto empeorou considerablemente. Non está habendo cursos Celga na maior parte do país e este ano non haberá probas en xuño. E hai persoas que precisan o título para poder concorrer a oposicións e apuntarse en listas de agarda, por exemplo.

"Non está habendo cursos Celga na maior parte do país e este ano non haberá probas en xuño. E hai persoas que precisan o título para poder concorrer a oposicións e apuntarse en listas de agarda"

-Que aspectos se abordarán neste A Fondo en relación co conflito?

Trataremos de explicar como funcionaba a formación de adultos en galego antes de que se comezasen a pedir melloras no sistema de xeito formal (proposta da CTNL). Tamén analizaremos como se desenvolveu o conflito laboral e remataremos ofrecendo unha proposta de futuro unha vez que sabemos que os tribunais lles están dando a razón ao profesorado e polo cal a Administración é condenada a crear prazas de traballadoras e traballadores laborais indefinidos descontinuos coa categoría de titulados superiores.

 -Neste A Fondo abórdanse, ademais, os antecedentes do conflito. Por que nun momento determinado, tras anos de precariedade, se decide ir á inspección laboral e non atender máis ás promesas da Xunta?

-Queixas sempre houbo, mais a razón de por que nunca se denunciou está clara e aos feitos me remito: o medo ás represalias. En 2013 parte do profesorado decidiu pasar á acción, visto que a proposta de consenso que se presentara e se negociara a través da CTNL caera en saco roto. Creamos a Asemblea do Profesorado e tras pasar outro ano negociando en balde a proposta coa Xunta, vimos que o único camiño para profesionalizar o sistema era loitando polos nosos dereitos laborais. Ese podía ser un bo punto de partida para que todo mudase.

-En síntese, en que consiste a propostas de futuro para o bo funcionamento dos Celga que se presenta neste A Fondo?

"O ideal sería que a Administración crease un Instituto de Formación de Adultos en Galego, ao igual que o español ten o seu Instituto Cervantes."

-Preséntase unha proposta de máximos. O ideal sería que Administración crease un Instituto de Formación de Adultos en Galego, ao igual que o español ten o seu Instituto Cervantes. Evidentemente os obxectivos, os custes etc, serían necesariamente outros. Mais hai traballo arreo que cumpriría levar a cabo neste momento en que o galego sofre un retroceso grave tanto nos seus usos como na súa percepción social.

-Nas accións do Celga destacábase a contraposición entre o orzamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o que se lle destina a concertos coas privadas, o triple. É pois unha cuestión de diñeiro o que explica a reacción e as represalias da Xunta?

-Na proposta de 2012 non se pedía exactamente máis investimento. O que se pedía era que cos mesmos cartos se fixeran as cousas mellor. Sobre todo no relativo á transparencia nos gastos. Desde a SXPL seguen a repartirse moitos cartos en concepto de actividades de formación de adultos sen mediar ningún tipo de procedemento público. O que si sae caro é ter que pagar multas á Seguiridade Social, cotas atrasadas polos cursos impartidos nestes últimos cinco anos e recorrer cada unha das sentenzas favorables a unha instancia superior. Cos cartos que a Xunta se está gastando niso teriamos uns anos florecentes para a formación de adultos en galego, crearíase emprego e incentivaríase o consumo. Todo perfecto de non andar o galego polo medio.

-En que medida a precariedade laboral do profesorado da Secretaría Xeral de Política Lingüística afecta á dignificación da lingua?

-O goberno galego discrimina a lingua galega e en consecuencia tamén ve normal discriminar os profesionais que traballan para dignificala. E isto reverte claramente no prestixio e na valoración que a cidadanía poida ter do galego.

-Cal é a importancia da formación Celga no proceso de normalización do galego?

-Nós somos coñecidos polos Celga porque é unha palabra que nos identifica facilmente como colectivo, mais a formación de adultos vai moito máis alá. Tamén formamos o persoal ao servizo das adminsitracións públicas, a xente de fóra do país etc. Digamos que cada acción formativa ten o seu obxectivo: os Celga son necesarios porque en Galiza saber galego non é un deber, polo que para algunhas persoas a única forma de acreditar o seu coñecemento é a través destes certificados.

"Os Celga son necesarios porque en Galiza saber galego non é un deber, polo que para algunhas persoas a única forma de acreditar o seu coñecemento é a través destes certificados."

-En que medida axudan a desterrar prexuízos?

-O ideal é que servisen para divulgar a lingua e a cultura galega entre a cidadanía que nunca tivo a oportunidade de adquirila a través do ensino regrado e así desterrar vellos e novos prexuízos. Os cursos de linguaxes específicas serven para que a Administración poida garantir o dereito dunha cidadá a ser atendida en galego, mais o ideal tamén sería que a formación fose transversal, e ademais de contidos lingüísticos, puidésemos ensinar a elaborar presentacións orais, aconsellar sobre a lingua que debemos usar no ámbito dixital etc. No caso dos cursos para o exterior é unha forma de divulgar produtos culturais na nosa lingua, algo que dá enormes beneficios económicos e sociais a calquera comunidade lingüística.

-Cal é a importancia dunha boa planifinicación do Celga para a equiparación do galego con outras linguas?

-Á hora de elixir lingua é preciso ter competencia nela. A persoa usuaria da formación de adultos en galego vén buscando, ademais do título, esa capacitación. Ás veces, nun par de sesións, sorpréndense do doado que resulta escribir o que falan, mais até ese momento non se sentían seguros de utilizar en contextos formais a súa lingua. Sen a capacitación para poder usala, non hai liberdade de escolla lingüística.

-Este 18 de maio, o profesorado reúnese co conselleiro de Cultura. Cales eran as expectativas coas que acudiades a esta reunión? Cales os puntos fortes a tratar? Que se resolveu?

-A finalidade da reunión era pedir que se convoquen cursos e avaliacións para este ano, co fin de que as persoas que precisen o certificado Celga poidan obtelo canto antes. Na reunión, a asesoría xurídica da Xunta confirmou que é legal chamar o profesorado que ten sentenza favorable en primeira instancia (máis de trinta) para impartir os cursos e avaliar. Así, sumándolle o profesorado que xa ten sentenza do TSXG (un total de dezasete), garantiríase a posibilidade de que haxa cursos e probas de inmediato. Se non o fan, xa que quedaron en respostar nunha semana, é só por falta de vontade política.

-Convocaranse neste 2015 finalmente cursos Celga?

"É posible que os responsábeis de Política Lingüística estean a buscar outras fórmulas que lles permitan esquivar o fallo dos tribunais."

-Non se sabe. O conselleiro contestou, nesta reunión, con evasivas até en catro ocasións a esta cuestión e o secretario xeral de Política Lingüística uns días di que si e outros que non.

-As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia son favorábeis para o profesorado. Educación confirmou que readmitiría ao profesorado con sentenzas favorábeis do TSXG. Mais, podedes xa respirar con tranquilidade? Temedes algún outro tipo de subterfuxio por parte da Xunta?

-Non, non respiramos tranquilos. Todas as sentenzas favorábeis en primeira instancia, agás unha que se esqueceron e que xa é firme, están recorridas no TSXG. Este tribunal está consensuando o fallo e transformou en despedimentos nulos un par delas que en primeira instancia saíran como despedimentos improcedentes. Xa temos 17 nulidades no TSXG. Mais están recorrendo ao Tribunal Supremo en Madrid como sucedeu noutras ocasións en que os tribunais galegos sancionaron a Xunta polas ilegalidades que cometeron no ámbito lingüístico. Ademais, este conflito xa se puido e aínda se pode solucionar cun pouco de vontade política, algo que xa sabemos que non se vai producir, polo que é posible que os responsábeis de Política Lingüística estean a buscar outras fórmulas que lles permitan esquivar o fallo dos tribunais.

"A Xunta discrimina a lingua e ve normal discriminar os profesionais que a dignifican"
comentarios