BAIXO A COORDENACIóN DE MARUSíA

Sermos publica esta quinta feira o novo suplemento De Volta na Galiza

Con De volta na Galiza, Sermos Galiza inicia a publicación dun novo caderno de análise coordinado pola Asociación Marusía de emigrantes retornados. 

Manifestación Emigrantes Retornad@s
photo_camera Manifestación Emigrantes Retornad@s

Con trinta anos como emigrante en Suíza, Xosé Lois Leirós narra, a través dunha entrevista, a vida da emigración e mostra a posición reivindicativa de Marusía diante do novo “roubo” que padecen as persoas que regresan á terra despois de ter desenvolvido boa parte da súa vida laboral fóra do país. Desta volta, é Facenda contra quen milleiros de emigrantes do país se teñen que defender despois de recibiren nas súas casas notificacións de multas e sancións que consideran inxustas. 

É o última das “estafas”, como definen desde Marusía á que se enfrontan os milleiros de emigrantes que marcharon do país e regresaron no final da súa vida laboral á terra. Deste e doutros temas falará o novo caderno que cada trimestre publicará Sermos Galiza. Coordinado por Marusía, abordará os principais temas da emigración que sangrou este país e volve de novo a ser a saída de centos e centos de mozos e mozas que están a abandonar a terra. 

De volta na Galiza únese a Somos Galego e a Sermos Adega como suplementos realizados por Sermos en parcería con entidades sociais do país

Con Xosé Lois Leirós, o suplemento quere achegarse a unha historia particular que pode ser a de calquera persoa que emigrou por volta dos anos sesenta ou setenta. A organización en centros galegos, a necesidade da presenza do país en terra allea e a dinamización de actividade política e cultural na nosa lingua son algúns dos eixos da entrevista que reconstrúe o seu tempo de emigración en Suíza. Para alén desa experiencia, Leirós achégase aos principais temas que seguen a estar de actualidade na nova inxustiza que están a padecer e que Marusía canaliza a través de multitude de actos de protesta que se desenvolven por todo o país.

48 páxinas

Con De Volta na Galiza, Sermos entregará esta quinta feira un número con 48 páxinas, ao incluír tamén o seu caderno de análise A Fondo. De Volta na Galiza incorpórase á serie de suplementos que Sermos realiza en parcería con distintas entidades do país, canda Somos Galego (coa Mesa pola Normalización Lingüística) e Sermos Cerna (con Adega).

Máis en Só en papel
Comentarios