JOSÉ ANTONIO TIZÓN, COORDENADOR DESTE A FONDO

“Vietnam foi un claro exemplo de que David podía derrotar Goliat”

Foi unha das guerras máis icónicas e, precisamente por iso, unha das que máis conciencias moveu. Hai xusto 40 anos remataba a guerra do Vietnam. Rememorámolo no A Fondo que verá a luz esta quinta feira 7 de maio.

tizon

Un A Fondo sobre a guerra do Vietnam é a proposta desta semana do caderno de análise de Sermos Galiza, disponíbel nos habituais pontos de venda a partir da quinta feira 7 de maio. O A Fondo podes obtelo tamén por separado na nosa loxa.

-Por que é importante recuperar agora a lembranza da guerra do Vietnam?

-En primeiro lugar, porque é un aspecto moi interesante do século XX, dado que este conflito bélico marca os pasos da Guerra Fría. Ao facerse os corenta anos do fin da guerra, quixemos traelo de novo ao presente como solidariedade con eses pobos que estaban intentando conseguir a súa independencia nacional e loitaban por unha causa que todo o mundo consideraba xusta.

-Dende que perspectiva se vai abordar neste A Fondo a guerra do Vietnam?

-Intentamos abordala dende un punto de vista global, dende a historia, dende arte, e mesmo dende a tan en boga memoria histórica. Esa pegada deixou un conflito case social no Estados Unidos. Os propios políticos norteamericanos consideran que foi esencial no devir da historia estadounidense.

-Por que considerastes importante abordar a guerra dende a perspectiva da arte?

-Un conflito tan enquistado, con tantos anos de loita, provocou que deixara a súa pegada na creación de artistas non só occidentais senón tamén vietnamitas, que reflectiron o sufrimento do seu pobo.

"Ao facerse os corenta anos do fin da guerra, quixemos traelo de novo ao presente como solidariedade con eses pobos que estaban intentando conseguir a súa independencia nacional"

-Que fixo que Vietnam fora unha das guerras máis icónicas da historia?

-A guerra do Vietnam incidiu moito na opinión pública estadounidense porque foi unha guerra moi fotografada, moi debatida, moi presente na televisión en horario de máxima audiencia. Polo tanto é unha guerra que ten un trasfondo canto ás iconas, ás imaxes, moi forte. É a guerra máis filmada,máis relatada… Foi moi abordada dende todos os puntos de vista da arte e da cultura.

-Por que cres que espertou ese interese tan grande?

-Probablemente é tamén un conflito que abre os ollos a unha determinada clase media, a unha sociedade, a estadounidense, que estaba como adormecida na súa visión do anticomunismo. Fíxolle abrir os ollos respecto a como actuaba o seu país. No bloque soviético, no comunista, fixo ver a imaxe dun país que pretende, dende unha posición comunista aínda que non sempre así, a súa independencia nacional.

-Un dos artigos deste A Fondo fala das percusións da guerra. Cales chegan até a actualidade?

-Sobre todo a conciencia que quedou na sociedade no referido á utilización de determinadas armas, sobre todo as químicas. Un bo exemplo foi  o axente laranxa,do que está demostrado que provoca todo tipo enfermidades pois debilita o sistema inmunolóxico. Fálase moito do napalm, pero tamén hai outros casos como o fósforo branco. A día de hoxe aínda existen graves consecuencias para a saúde especialmente na poboación civil vietnamita.

-Como influíu a guerra do Vietnam en toda unha xeración que a presenciou a diario a través da televisión?

-A guerra do Vietnam cambiou a idea da esquerda occidental, que a considerou unha loita xusta e amosou a súa solidariedade co pobo vietnamita. Vietnam foi un claro exemplo de que David podía derrotar a Goliat, e converteuse nun referente para outros pobos.

"A día de hoxe aínda existen graves consecuencias para a saúde especialmente na poboación civil vietnamita polo uso de armas químicas."

-“Guerra de liberación nacional ou teoría do dominó?” Así se titula un dos artigos deste A Fondo. Mais, quizabes sexa máis correcto formulalo como unha conxunción e non como unha disxuntiva…

-Basicamente é unha conxunción, porque na guerra do Vietnam está presente tanto a loita dende o bloque comunista para intentar recuperar, despois dunha explotación colonial, eses pobos, como unha guerra de liberación nacional. Parece quedar máis claro na primeira guerra da Indochina con Francia pero é certo que no momento en que un país está dividido non é totalmente independente tampouco. Isto failles pensar aos historiadores que non só é o comunismo o que leva ao Vietminh, a Liga Revolucionaria Vietnamita,  a levantarse contra un opresor senón a propia procura dunha independencia nacional. O propio bloque comunista tarda en reaccionar ante estas loitas no terceiro mundo.

-Un dos artigos, de Cesáreo Sánchez Iglesias, fala da guerra do Vietnam como o enfrontamento de dúas culturas, a norteamericana e asiática…

-É un debate complicado a día de hoxe, mais si é certo que probablemente o espazo no que se combatía, as condicións físicas, o loitar contra unha poboación campesiña, fixo desta guerra unha guerra entre dúas culturas. O apoio que recibe o Vietminh do campesiñado a través da ruta Ho Chi Minh así o manifesta, e a loita pacífica dos budistas no Vietnam do sur rebelándose contra un goberno corrupto tamén o demostra. Estados Unidos confundiuse, como así o recoñecen algúns políticos e militares hoxe en día, porque non soubo ver que o Vietnam era outro tipo de cultura e había que facer outro tipo de loita ou polo menos poñerse no seu lado para poder comprender o que alí sucedía.

Máis en Só en papel
Comentarios