NESTE A FONDO

Vietnam, corenta anos despois da guerra

Vietnam proeu, como ningunha outra guerra, nas conciencias occidentais. No A Fondo que publicamos o 7 de maio lembramos os comos e, sobre todo os porqués, e as consecuencias.

capa 380

Finaba abril de 1975 cando o exército do Vietcong entraba no palacio presidencial de Saigón. A imaxe simbolizaba o punto e final a un conflito que, durante décadas, arrasara o país. Corenta anos despois rememoramos no A Fondo desta semana a guerra do Vietnam, un dos conflitos máis icónicos do século XX e quizais dos que máis conciencias removeu.

Foi a loita pola liberación nacional dun país que primeiro houbo de expulsar ao exército colonizador francés e, despois, loitar pola súa reunificación, escindido por un paralelo entre o Vietnam do Norte e o Vietnam do Sur. Foi tamén, un sanguento taboleiro no que Estados Unidos chegou a descargar até sete millóns de bombas para impedir que o territorio entrara no bloque comunista e que, tras del, foran outros estados asiáticos que seguiran o exemplo.

No A Fondo desta semana, coordenado polo historiador Xosé Antonio Tizón e a historiadora Ana López Formoso, afóndase no contexto da guerra de Vietnam, nas causas que levaron ao conflito, nas repercusións do mesmo, e na importancia que a educación e a creación artística tiveron como armas de loita.

"Xestado nas loitas descolonizadoras e enquistado nas batallas da Guerra Fría, a guerra alongouse en Vietnam durante trinta anos"

“A imposibilidade de USA de saír de Vietnam sen unha derrota levou á táctica de search and destroy: matar inimigos para fundir a moral das tropas do Vietcong”, explica Tizón nun artigo no que afonda nas causas e o desenvolvemento dun conflito que, xestado nas loitas descolonizadoras e enquistado nas batallas da Guerra Fría, alongouse durante trinta anos. O historiador afonda no que de guerra de liberación nación e de principio de dominó houbo tras o conflito.

Parte importante da guerra do Vietnam xogouse no terreo do simbólico. Foi unha das guerras máis relatada, máis fotograda e máis filmada. Do modo en que ficou plasmada nas máis diversas disciplinas artísticas, e do como a propia arte axudou a remover conciencias, fala neste A Fondo Ana López Formoso.

Pecha o suplemento o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, quen repara no papel que a educación tivo na loita do Vietnam do Norte. Nas escolas, os nenos e as nenas aprendían a coñecer a súa historia e a súa literatura. A arte e a cultura eran, en verbas de Ho Chi Ming, outra fronte de loita. “Antes do amencer que traía os bombardeos, todo o país era un ir e vir de vagalumes,nenos e nenas con lampadiñas para ir a escola”, describe Sánchez Iglesias.

Máis en Só en papel
Comentarios