DESPEDIMOS O SUPLEMENTO ESTIVAL

Arqueoloxía ao vivo

Remata agosto e toca despedir o Caderno de Verán. Farémolo viaxando aos xacementos arqueolóxicos deste verán e con entrevista ao novo frontman de Ataque Escampe. "Menos mal que temos a música. O destino dos filólogos é ser camareiros", dinos Roi Vidal, que substitúe como voz e frontman a Álex Charlón

entrevista pdf

O bo tempo anima a destripar a terra á procura de capítulos da nosa historia aínda por contar, como o descoñecido Alto Medievo. Viaxamos coas Lara Croft e os Indiana Jones de Galiza por varias das escavacións arqueolóxicas que se levaron a cabo nesta estación que agora remata, dende o Neandertal en Cova Eirós, en Triacastela, até as torres defensivas construídas como refuxio dos ataques viquingos no Castelo do Casón, en Ortegal, e no Outeiro da Torre, no Barbanza. Polo medio, os restos do primeiro poboado habitado de Pontevedra, Castro das Croas, e aos xacementos castrexos do senlleiro Neixón, tamén no Barbanza, e da Cabeciña, en Oia. Saberemos do día a día do traballo arqueolóxico e, tamén, das novas formas de  arqueoloxía en contacto coa comunidade.

ENTREVISTA A ATAQUE ESCAMPE

"Menos mal que temos a música. O destino dos filólogos é ser camareiros", di Roi Vidal, que substitúe como voz e frontman a Álex Charlón en Ataque Escampe, nunha entrevista na que, entre moitas outras anécdotas, renega do concepto de hipster: "Barbas no grupo hai pero medran libremente",di cun riso.

Coa despedida do suplemento por este ano, chega tamén a despedida das nosas entregas literarias, o relato homoerótico de Pepe de Pura, o poemario "Des-tecer" de Marta Dacosta e o relato seriado "Traballo de campo", que chega ao seu desenlace de man de Marica Campo.

"Chega tamén o desenlace das nosas entregas literarias, o relato homoerótico de Pepe de Pura, o poemario "Des-tecer" de Marta Dacosta e o relato seriado "Traballo de campo", de Marica Campo"

Poñémoslle tamén punto final a outra das nosas colaboracións máis entrañábeis deste verán, o "Océano para terrícolas" de Xurxo Souto. Se ben o pasou el escribíndoos, como nos comentou, seguro que mellor o pasamos as e os seus lectores gozando deles. O desta semana tamén traerá consigo curiosos lances, como a descuberta por parte dun mariñeiro galego dunha peza da vaixela do Titanic mesmo antes de que se descubrira o emprazamento dos seus restos.

O xornalista Xesús Piñeiro abandonará o ton retranqueiro da súa columna "Dálle que libras" para porlle a esta súa última colaboración no caderno estival un punto máis agre que doce, dedicado a todas aquelas persoas que abandonan Galiza para buscar un futuro noutros horizontes.

A contracapa corre desta vez a cargo da escritora Marilar Aleixandre, que evocará un dos seus recunchos preferidos do erán, a Area das Figueiras, tamén coñecida como Praia dos Alemáns, nas Illas Cíes.

Máis en Só en papel
Comentarios