A utopía tamén está en Sermos Galiza

Na capa deste Sermos 153 hai unha palabra que me suxire inmediatamente outra. Trátase da palabra horizonte que aponta cara ao concepto da utopía. Utopía na acepción de Galeano mais tamén na de Thomas More, ou na de Manuel María.

illa1
photo_camera A illa da Utopía

Eis o número 153 de Sermos Galiza. Unha capa en que salientan tres temas, abordados en 6 páxinas. Na parte alta temos a entrada para unha radiografía da pobreza e a exclusión social na Galiza. Unha pobreza crónica, -tamén unha crónica da pobreza-, que afecta a cada vez máis persoas. No fondo Manuel María, as Letras Galegas e as Irmandades. E no centro, titular, topamos con Grecia no horizonte. Será o mesmo horizonte en que viaxa a utopía? Si, a que dicía Galeano: “A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos e ela afástase outros dous. O horizonte vai dez pasos máis alá. Daquela, para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar.” 

Si, é a quimera, o soño, o ideal dificil de realizar, mais non imposíbel, o que podemos deducir da capa do Sermos, mais tamén  é a utopía no sentido en que a ideou Thomas More no seu Libro do estado ideal dunha república na nova illa da Utopía (O libro, escrito entre 1515 e 1516, ten pois 500 anos, está dividido en dúas partes e parece inspirado nas narracións fantásticas que Américo Vespucio realizou do “Novo Mundo” )

"É a quimera, o soño, o ideal dificil de realizar, mais non imposíbel, o que podemos deducir da capa do Sermos, mais tamén  é a utopía no sentido en que a ideou Thomas More"

 É ese viaxar cara o horizonte da soberanía que arranca nas Irmandades, que recolle Manuel María, que se afasta por veces;  mais tamén é a illa da Utopía de More que defende a liberdade relixiosa, a tolerancia, o dereito á soberanía alimentar e a igualdade social.

“Así, cando ollo esas repúblicas que hoxe florecen por toda a parte, non vexo nelas -Deus me perdoe! máis do que a conxura dos ricos para se procurar as súas propias comodidades en nome da República. Imaxinan e inventan toda sorte de artificios para conservar, sen medo a perdelas, todas as cousas de que se apropiaron con artimañas, e tamén para abusar dos pobres pagándolles polo seu traballo tan pouco diñeiro como poden. E cando os ricos decretaron que tal invento se leve a efecto en beneficio da comunidade, isto é, tamén dos pobres, axiña se converten en leis”

Mais ese horizonte que centra a capa de Sermos tamén pode ser o que visualiza Manuel María no seu poema Arcadia, recollido no libro Oráculos para cabaliños do demo (1986)


DURANTE toda a miña vida andei
a soñar, longa e fondamente,
coa Arcadia marabillosa, lonxana
e lexendaria.
        Viaxei á Grecia
e, con ollos atentos e avarentos,
contemplei a Arcadia: é unha
paisaxe de oliveiras e penedos,
gris e brava, onde hai un pobo,
pequeno e miserento, chamado
Paradisus: nada menos.
        Todo
era árido, pobre e desolado.
Entón fechei os ollos cara afora
e abrinos cara a dentro.
E puiden
ollar a Arcadia feliz e verdadeira

Pois iso, que o Sermos nos abra os ollos tamén cara a dentro. Non deixen de ler o número 153.

Máis en Só en papel
Comentarios