VÍTOR GARABANA, COORDENADOR DO A FONDO

"A TVG naceu para ser un medio do pobo galego, mais non cumpriu esa función"

Enxeñeiro e lector de Sermos, Vítor Garabana aproveitou a campaña "Propón o teu A fondo" para suxerirnos unha reflexión sobre os medios de comunicación audiovisuais galegos. Sairá do prelo esta quinta feira 18 de xuño.

garabana 370

Leva case un cuarto de século vivindo en Madrid, mais Vítor Garabana, enxeñeiro de profesión, non perde o interese polas problemáticas que lle afectan ao país. Para el, os medios de comunicación audiovisuais son fundamentais para a supervivencia da cultura e da lingua, e niso centra este A Fondo que coordina.

B.P.

-Como pensaches en propornos un tema para o A Fondo?

-Vin no Sermos que lles abriades a posibilidade aos lectores de propor un tema para un A Fondo e pareceume interesante. Agradezo que haxa a posibilidade de, como lector do medio, poida propor un tema. O que ten que ver con medios audiovisuais e a influencia que teñen nas cuestións lingüísticas e na autoidentificación como pobo é un tema que coido interesante e do que non se ten falado moito.

-Cal é a pertinencia de reflexionar, neste momento, sobre os medios de comunicación audiovisuais galegos?

 

"Os medios audiovisuais son moi importantes para a creación dunha conciencia colectiva e a cosmovisión dun pobo. Quen ten a propiedades das canles en Galiza non é o pobo galego"

-Non hai dúbida de que os medios audiovisuais son moi importantes para a creación dunha conciencia colectiva e a cosmovisión dun pobo, en dous sentidos, non só nun sentido descendente, que baixa do poder cara ao pobo, senón tamén nun sentido ascendente. Dalgunha maneira o pobo pode utilizar eses medios como altafolante para a comunicación social e crear unha conciencia colectiva. O statu quo actual non é de soberanía do noso pobo, nestes dous sentidos da comunicación. Por circunstancias históricas e políticas ben coñecidas, quen ten a propiedade deses canles de comunicación non é realmente o pobo galego. Isto é algo totalmente anormal.

-Refíreste aos medios de comunicación públicos?

-En xeral, a todos. O que pasa é que a TVG naceu co propósito de ser un medio de comunicación do pobo galego, mais polas circunstancias políticas que teñen que ver con quen exerce o poder autonómico na Galiza, non chegou a cumprir esa función con todas as súas consecuencias. Está interferido pola mesma ideoloxía que impedía que até ese momento non houbese medios públicos galegos.

-Que contidos centrarán este A Fondo?

-Abordaranse varios aspectos. O primeiro deles devalará entre o técnico e o político, e fai referencia ao espectro de radiofrecuencia como recurso de propiedade pública. As frecuencias de emisión, a creación das canles de televisión e de radio, están suxeitas a un proceso de licenciamento. Non pode emitir calquera en calquera frecuencia, porque é un recurso limitado que é propiedade pública. Outro aspecto que trata é a función que poden ter os medios audiovisuais para a afirmación e a promoción da cultura propia e tamén como ferramenta para reverter o proceso de substitución lingüística.

-Abórdase tamén, neste A Fondo, a realidade dos medios comunitarios…

Si, é outro tema importante: de que maneira o pobo pode acceder a esas canles de comunicación, sen que sexa a través dun poder político máis elevado, senón de comunidades veciñais, sindicatos, parroquias, ou aqueloutras maneiras que o pobo considere para organizarse. En Galiza houbo iniciativas mais ou menos independentes organizadas por asociacións culturais ou por determinadas comunidades de veciños ou concellos que despois non tiveron unha boa entrada nos concursos de licencias porque tampouco, dende o meu punto de vista, se puxeron as condicións para que puidesen sobrevivir.

"O noso pobo perde a oportunidade de utilizar os medios de comunicación audiovisuais para transmitir a nosa música. Pola contra, contribúe ao espallamento de músicas doutras culturas."

-A cantante Uxía, directora de Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, abordará abordará o papel xogado polos medios audiovisuais para a difusión da música. Dende que perspectiva o fará?

-A música é un medio de expresión cultural e lingüística e a través dela chégase á autoidentificación colectiva dunha maneira moi inmediata e moi natural. Dentro dese esquema de control da comunicación, o noso pobo perde a oportunidade de utilizar os medios de comunicación audiovisuais para transmitir a nosa música. Pola contra, contribúe ao espallamento de músicas doutras culturas.

-Haberá neste A Fondo un par de artigos dedicados aos medios galegos no exterior. Por que?

-Evidentemente o noso pobo pasou pola emigración e continúa pasando por ela. O noso pobo non está só na Galiza, senón tamén nas comunidades do exterior. Nalgunhas delas houbo medios, e mesmo agora existen medios, para manter a cultura, a lingua e o contacto coas comunidades con cultura propia.Noutras comunidades nisto non é posible. É interesante ver por que nunhas pode ser e noutras non, e se hai algún tipo de barreiras ideolóxicas ou doutro tivo para que determinadas comunidades non teñan medios en galego.

"Por que nunha comunidade como Madrid, que é un dos territorios onde máis galegos e galegas viven actualmente, non hai medios de comunicación que emitan en galego?"

-Refíreste ao caso de Madrid?

-Eu moro en Madrid. Por que nunha comunidade como Madrid, que é un dos territorios onde máis galegos e galegas viven actualmente, non hai medios de comunicación que emitan en galego para esta comunidade? Pregúntome se existen barreiras de tipo ideolóxico:  medo á hora de emitir en galego ou a que  se lle dea demasiada visibilidade á nosa existencia como pobo e como cultura.

-Deste tema falará Vicente Araguas…

-Vicente é unha persoa que leva moitos anos tamén aquí a vivir en Madrid e que loxicamente ten pensado sobre estes temas. El sempre traballou moito en diversos aspectos da cultura galega e nomeadamente da cultura galega en Madrid.

-A entrevista, neste A Fondo, terá como protagonista a Xavier Alcalá. Por que se optou por el para a entrevista?

-Xavier Alcalá é enxeñeiro de telecomunicacións e escritor. Está no mundo cultural galego e tamén tivo relación co mundo do audiovisual galego, en concreto coa CRTVG. Pode ter unha visión global e de conxunto sobre os aspectos tanto culturais como técnicos do que son os medios audiovisuais de comunicación.

-Cal é a capacidade de empoderamento dunha nación subordinada como a nosa ao respecto de cuestións como o acceso ao espectro audiovisual e a capacidade de ter canles propias?

-Evidentemente esa capacidade até o de agora foi moi baixa . Non se precisa máis que ollar a realidade das canles que están a emitir no territorio galego, en que lingua emiten, cal é a propiedade, quen ten o dereito de uso das licencias de emisión na Galiza ... Son medios a maior parte deles foráneos e que emiten en linguas foráneas. Isto ten que levarnos a reflexión. Non é o noso pobo en conxunto, sexa o pobo ou as iniciativas empresariais e públicas galegas, as que as teñen o poder á hora de decidir o que emiten ou non emiten. De feito son unha minoría, salvo medios públicos ou medios comunitarios na maior parte .

Máis en Só en papel
Comentarios