NOVO NÚMERO DE 'COMPRENDERMOS'

Tratados de libre comercio: agravando a globalización

O suplemento editado pola Fundación Moncho Reboiras dedica as súas páxinas centrais a analizar os TLC enmarcándoos na globalización imperialista.

comprendermosEsta semana canda o semanario Sermos Galiza viu a luz o terceiro número de 'Comprendermos', o suplemento de “pensamento para o debate e a acción” editado pola Fundación Moncho Reboiras, baixo coordenación de Manuel Mera.

Desta volta, o caderno dedica as súas páxinas centrais aos tratados de libre comercio. Nunha peza de análise asinada por Xabier P. Igrexas, descríbese tanto o contexto no que se insire esta nova vaga de tratados, que o autor cualifica de “punta de lanza” dunha nova ofensiva do capital no marco da globalización imperialista. O texto incide na idea de que TPP (acordo transpacífico), CETA (Canadá-UE), TTIP (EUA-UE) e TISA (50 estados), forman parte dunha mesma estratexia. A finalidade sería garantir aos Estados Unidos o control de entre o 60% e o 80% do PIB mundial.

Sectores produtivos

Neste novo número analízase tamén a situación de dous sectores produtivos de importancia para Galiza, ambos os dous inmersos en recentes procesos de mobilización: o sector lácteo e a pesca do cerco. A esta cuestión está dedicado o editorial, intitulado “Queremos producir”, no que se sinala que “as políticas impostas polo Partido Popular e o deseño, de periferia compradora que temos asignado no marco da Unión Europea, son as principais razóns que bloquean a nosa produción”.

Nunha entrevista a dupla páxina o coordinador xeral da Federación Rural Galega (FRUGA), Manuel Dacal, fai balanzo da xeira de tratoradas que tiveron lugar no noso país hai apenas un par de meses e valora os logros conqueridos. Un balanzo con claros e oscurso, que o sindicalista agrario resume salientando que “as tratoradas lograron parar a baixada dos prezos do leite”. Dacal debulla tamén as causas que explican a situación do sector e analiza os reptos de futuro que enfronta. 

Aliás, o deputado do BNG, Daniel Rodas, é autor dun artigo de análise no que salienta a importancia de resolver o conflito da pesca do cerco. Rodas, denuncia que “a UE e o PP pretenden liquidar a flota galega”.

FSM e imperialismo

A 'Ollada internacional' do caderno pousa no 70 aniversario da Federación Sindical Mundial, da man de Iuri Domènech. O texto percorre as orixes históricas da FSM, o seu papel como principal polo sindical mundial e tamén as coordenadas de futuro fixadas no seu derradeiro congreso.

Por derradeiro, a sección de 'Conceptos' está dedicada a tentar explicar, desde unha visión marxista, o fenómeno do imperialismo, que pola súa complexidade será abordada en varias partes. 

Máis en Só en papel
Comentarios