BIEITO LOBEIRA

"Temos que ter unha folla de ruta que vaia alén do curto prazo das eleccións"

O BNG enceta un proceso de debate "aberto e participativo" nun trimestre no que ten Asemblea Nacional, nun ano de citas eleitorais, e após un 20-D cuns resultados que a propia organización cualifica de "negativos, sen paliativos". "Ninguén dixo que fose fácil ser nacionalista, mais sómolo", di cun sorriso Lobeira.

Bieito Lobeira, secretario de Organización do Bloque
photo_camera Bieito Lobeira, secretario de Organización do Bloque

- Hai unha parte importante da sociedade galega, nomeadamente na mocidade urbana, que desconectou do BNG e do nacionalismo. Como se pode actuar aí?

- A sociedade galega cambiou moito en moi pouco tempo e quizás non sempre tivemos un discurso ou práctica que fose acaída a ese cambio tan importante. Mais, sabendo iso, si que temos claro que non damos nada por perdido. Sabemos que temos que mellorar, que debemos ter un discurso adaptado a esas realidades concretas, como o da mocidade precariada das grandes cidades, porque temos propostas e alternativas. Un discurso soberanista fresco, claro, didáctico e distinto, de futuro, chamando á esperanza e contra o derrotismo, incidindo en que, como pobo, podemos mudar as cousas. Non hai neste país ningunha forza política que posúa tal caudal de compromiso, traballo e entrega militante como o do BNG. Ese é o noso orgullo e a noso mellor valor. Porén, aspiramos a ser máis, mellor organizados, máis formados e implantados socialmente. Unha organización máis activa e participativa, que sexa quen de marcar axenda política sexa cal sexa o papel dos medios de comunicación do sistema.

- Cal consideras que, aquí e agora, nestes tempos, debe ser o papel do nacionalismo galego?

- O nacionalismo non se limita á auto-defensa, á dignidade. O nacionalismo é a esperanza para este país, a garantía de que existimos e de que podemos cambiar as cousas colectivamente. O nacionalismo tamén ten que ter claro que hai vida máis alá do ámbito institucional, e así o amosou durante anos: o social, o sindical... son espazos nos que traballar e nos que construír. Por iso é importante esa folla de ruta que vaia máis alá de andar pendentes exclusivamente dos procesos electorais".

A entrevista íntegra, neste Sermos Galiza nº179. Eis tes o enlace á nosa loxa

miniatura

Máis en Só en papel
Comentarios