Tamayazo, Cacharrazo e Martinazo. O valor dun sufixo

A capa do semanario Sermos Galiza está a se converter nunha fonte inesgotábel de reflexión gramatical. Gramática da lingua. Tamén gramática da fantasía, que para iso Uxía e Narf cantan a Galiza imaxinaria. Paga ben a pena ler esta entrevista. E tamén os outros textos que aparecen esta semana. Os intereses galegos en Sermos Galiza.

Deputación de Lugo
photo_camera Sede da Deputación de Lugo

Se no número 149 comentabamos un acrónimo que centraba o titular e no número 150 foron as siglas, toca falar hoxe dos sufixos, esas formas que, como se dun líquen se tratar, se apegan á raíz dunha palabra e aportan -din as gramáticas- unha información suplementaria. O de suplementaria daría moito que falar pois nada é suplementario no sistema lingüístico. 

Naturalmente, existen varias clases de sufixos e o que imos tratar hoxe pertence ao grupo dos alterativos, isto é, aqueles que varían a significación dunha palabra sen variar a categoría gramatical. Apégase a un nome e o resultado é outra palabra que segue sendo un nome. Igual que dunha faba nace outra faba.

AZO e -AZO

Non é do primeiro AZO do que imos falar. Aínda que non nos falte alento nin folgo para tal. Nin dese ferro que combinado con carbono se utiliza para innumerábeis usos hoxe en día.

É de -azo, esa forma á que as gramáticas teiman en  atribuír valores aumentativos con matices pexorativos. Como se estiveren a analizar un viño e a falar de aromas retronasais. Ricazo é o exemplo que figura nalgúns dicionarios, aínda que logo na definición non apareza ese matiz despectivo: Ricazo: dise de persoa moi rica.

Á marxe desa definición, non moi precisa, atopamos o sufixo -azo en infinidade de contextos indicando acción co valor de “golpe con” (zapatazo) ou “golpe de” (balazo). Tamén pode significar estado, como na páxina 29 do semanario “… calafríos, cansazo e letargo “.

Tamayazo, Cacharrazo, Martinazo

Mais que é o Tamayazo? Que valor ten aí o sufixo?

Coñécese como Tamayazo o transfugismo de dous parlamentarios do PSOE na Comunidade de Madrid, Eduardo Tamayo e María Teresa Sáez, que co seu cambio de voto permitiron o acceso de Esperanza Aguirre e o Partido Popular ao Goberno na Asemblea de Madrid en 2003.

Na orixe o sufixo adáptase a valor tradicional de acción indicando “golpe”, neste caso non físico mais de efecto. E a partir de aí pasou a significar, cando acompañando un nome ou apelido, unha acción con pouca ética política.

En 2007 atopamos un titular en Galicia Hoxe que di: "Confírmase o 'cacharrazo'  na deputación de Lugo” Agora, en 2015, o sufixo vén con impulsos anovados. E pasa a ser martinazo: “ Unha deputación para o PP a golpe de 'martinazo'' en alusión a Manuel Martínez, o alcalde de Becerreá (Sermos páxina 7).

Sabemos que -iño é o sufixo máis abundante en galego. Esperemos que -azo, con estes novos valores que está a adquirir, non lle dispute o posto. 

Máis en Só en papel
Comentarios