NO A FONDO DESTA SEMANA

As sombras de Filgueira Valverde

O Día das Letras debe servir para botar luz sobre as persoas homenaxeadas, mesmo que estas revelen sombras. No A Fondo desta semana revisamos a figura de Xosé Filgueira Valverde.

capa

A polémica rodeou dende un inicio o homenaxeado neste 2015 para o Día das Letras. Neste A Fondo, revisamos a figura de Xosé Filgueira Valverde, autor dunha extensa obra en galego mais tamén censor durante a ditadura e responsábel de diversos cargos de responsabilidade no aparello franquista, entre eles, o de procurador en Cortes.

Un modelo?

O caderno de análise de Sermos revisa as luces e as sombras ao redor de Filgueira e recolle tamén posicións opostas. O escritor Francisco Castro sitúase en contra da polémica, á que considera “absurda” e “adolescente”: “Foi saber que Filgueira Valverde era O Escollido (o alcalde franquista, o quizais franquista, é probable, pero tamén o galeguista, sen dúbidas o galeguista), para que se decidise que libros como os adrais ou Quintana Viva non merecían máis que o unánime desprezo e nin medio segundo de atención”, explica. 

 "O A Fondo achega material documental que dá testemuño do papel de Filgueira na censura de obras como Airiños da Miña Terra de Curros Enríquez."

Pola contra, para o concelleiro nacionalista, Luis Bará, Filgueira non é un modelo a homenaxear no 17 de maio pola súa relación co franquismo: “A festa das letras ten unha función  dinamizadora e normalizadora  que se dirixe a toda a sociedade e especialmente á comunidade escolar. En calquera sociedade democrática normalizada (…) unha persoa tan implicada no réxime franquista coma Filgueira Valverde estaría inhabilitada como exemplo da normalización”.

Do Filgueira censor

O historiador Lucio Martínez Pereda repasa o papel de Xosé Filgueira Valverde na represión fría da ditadura, en cargos como o de presidente da Comisión Depuradora do Maxisterio ou membro da Comisión de Depuración de Bibliotecas de Lugo.

 O A Fondo achega material documental que dá testemuño do papel do homenaxeado este ano o 17 de maio na censura de obras como Airiños da Miña Terra de Curros Enríquez.

“Para Castelao, Filgueira representa a morte da política como preparación da política da morte”, afirma o historiador Xoán Carlos Garrido.

Filgueira e o nacionalismo

Os historiadores Uxío Breogán Diéguez e Xosé Carlos Garrido,coordenador deste A Fondo, revisan as relacións de Filgueira Valverde co nacionalismo. Diéguez fai relación do seu papel no Seminario de Estudos Galegos e do seu paso polo Partido Galeguista, que remataría por abandonar, dado o perfil de esquerda da formación, para impulsar a Dereita Galeguista.

Xoán Carlos Garrido Couceiro lembra a opinión que, a Castelao, lle merecía Filgueira Valverde, a quen o rianxeiro critica polo seu oportunismo político: “Para Castelao, Filgueira representa a morte da política como preparación da política da morte”.

Máis en Só en papel
Comentarios