#sermos220: a Galiza minguante

Falamos do alarmante devalo demográfico, entrevistamos Xurxo Souto, debullamos por que miles de empresas de todo o Estado se fugan a Madrid e adentrámonos na flora e fauna 'exótica invasora' que hai en Galiza. Todo isto, e moito máis, xa na nosa loxa.

A última proxección demográfica do INE sinala que Galiza perderá perto do 10% da súa poboación actual dentro de quince anos e que non haberá un saldo vexetativo tan negativo en todo o Estado. O país esmorece e a reacción política non vai máis alá de medidas cosméticas. Falamos disto na reportaxe 'Un país que esmorece', que tamén nos dá pé a preguntarnos sobre a efectividades das políticas de natalidade.

SG220

'As invasoras que toman Galiza'. Segundo dados da Xunta de Galiza, existen un total de 192 especies exóticas invasoras no país. A meirande parte, o 60 por certo, correspóndese con plantas. Explicamos cales son e as ameazas que implican. Un dato, “o impacto potencial económico da erradicación chega aos 12.700 millóns de euros ao ano (uns 24.000 euros por minuto)”.

O Goberno de Feijóo agasalla as familias que teñen un bebé cunha cesta con produtos para o coidado das crianzas, mais esquece o seu deber de fomentar o idioma propio do país no ámbito familiar. De feito, a cesta inclúe un CD con arrolos en castelán. 'Cestas, bebés e exclusión do galego'.

Pasaron 25 anos desde que o Parlamento de Galiza aprobase a autovía entre A Coruña e Carballo, “sempre sen peaxe”. O PP incumpre as súas promesas, a cidadanía mobilízase a través de distintas plataformas e o alcalde de Arteixo négase a asumir a responsabilidade do PP polo mantemento desta peaxe. 'Cando o PP defendía a gratuidade da autoestrada AG55'.

Rajoy presidente e Plan Retorna

'Rajoy consegue todos os seus obxectivos ao desarmar o PSOE'. Rajoy podería ter forzado unhas terceiras eleccións e probabelmente tería obtido máis escanos na cámara. Porén, o seu obxectivo real é a división da esquerda e satelizar o PSOE. Ese propósito cumpriuse mellor coa abstención de Ferraz. E falamos con Rocío de Frutos, a deputada ourensá que votou Non á investidura de Rajoy. “Pedro Sánchez ten o meu apoio se decide presentarse”.

A volta a Galiza das persoas emigradas menores de 35 anos, 90 mil desde o ano 2009, prioridade para o BNG. Galiza está a drenar populación cara ao resto do Estado e do planeta a un ritmo brutal. Isto estase a traducir nunha queda demográfica que ameaza a economía e o benestar do país. O BNG propón o Plano Retorna para favorecer a volta a casa. '88 millóns para o Plano Retorna'.

O doutor en Ciencias Sociais, Julio C. Gambina (Bos Aires), debulla o novo escenario internacional, caracterizado pola resistencia das principais potencias capitalistas a renunciaren ao seu rol hexemónico, a disputa de novos actores globais como China e Rusia. Fenómenos que inscribe nun marco de múltiples crises de alcance sistémico. 'Mudanzas na disputa pola hexemonía mundial'.

'Um ano de governo do PS em Portugal'. O primeiro ano do novo governo português supôs frear as políticas de agressão ditadas pela Troika e iniciar uma tímida recuperação de direitos. No entanto, visou também as limitações de uma mudança pilotada em minoria pelo sistémico Partido Socialista.

'Venezuela, entre o diálogo e a fractura definitiva'. Poucos días despois de se cruzaren mutuas acusacións de golpismo, o chavismo e a oposición poñen en marcha un diálogo baixo o abrigo internacional. Ambas as partes concordan en rebaixar a crecente tensión política e social.

Capitalidade e privilexios

Ser capital do Estado garántalle a Madrid unha vía privilexiada de ingresos, o Imposto de Sociedades: empresas e compañías que operan e fan negocios en todo o Estado mais tributan en Madrid. Ministerios e a inmensa maioría de organismos públicos, así como a maioría das firmas de accionariado estranxeiro, teñen sede en Madrid. Con todos eses ingresos pode facer unha política tributaria de baixos impostos que atrae empresas de todo o Estado. Só no primeiro semestre, 3.738. 'Madrid, paraíso fiscal'. En análise, a segunda parte de 'Galiza, a perspectiva internacional'.

“O mar non é pasado, o mar é futuro”.

Entrevistamos Xurxo Souto. 'Contos do mar de Irlanda' (Xerais, 2014) é o libro en galego máis vendido en 2015, un libro que recupera e transmite a memoria de homes e mulleres do mar, voces anónimas cargadas de historias que aínda están por ser ouvidas. Conversamos co autor e colaborador de Sermos Galiza sobre como xurdiron as cen arribadas, a importancia do mar na Galiza e o seu proxecto literario bravú. “Como non o coñecemos, os terrícolas tendemos a ver o mar como algo folclórico, decimonónico ou como algo soberbio. Cando realmente o motor do mar na Galiza son as grandes cidades, Vigo e A Coruña”.

Non falta a sección Fóra de Serie, nin 'andar e ver' co colectivo Xea a nos levar ao Cuíña, nos Ancares. Nin a contra-capa, a selfie entrevista... e moito máis. Tamén neste número as críticas e achegas de Mario Regueira, Andrés Castro, Marga Doval, David Otero, Xoán Costa..
 

Máis en Só en papel
Comentarios