#sermos219: obxeccións contra as mulleres

Máis un semanario saído do prelo. A guerra na patronal galega ou a obxección de conciencia na sanidade pública, entre os temas que debullamos. Entrevistamos Xoán Bascuas, falamos da concentración de poder económico, viaxamos ao Batán de Folgoso... Todo isto, e máis, neste número. Xa na nosa loxa.

A patronal galega vive un novo vaivén coa demisión do seu presidente, tras só nove meses no cargo, e evidencia unha vez máis o cisma aberto no seo da organización, sumida en loitas intestinas, escándalos, débedas e despedimentos. Contámosche esta crise en 'A patronal galega, entre guerras polo poder e a ameaza de bancarrota'.

Unha recente sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo, que condena o Sergas a indemnizar unha muller polos graves danos ocasionados após derivala a Madrid para interromper o embarazo na semana 32 pola malformación do feto, volve pór enriba da mesa o debate arredor da obxección de conciencia na sanidade pública. En 'A obxección de conciencia na sanidade pública, a debate' recollemos valoracións de expertos e expertas e atendemos ao que dita a lei.

SG219O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, en 'Unha afronta máis ao ensino en galego' explica como a Lomce reduce a carga lectiva no idioma do país. “Todos e todas nos lembramos que Wert, exministro de Educación, xustificou o primeiro proxecto da LOMCE co obxectivo de españolizar Calatunya. Sabía que en Galiza era difícil superar o nivel xa existente de españolización, pois a terxiversación, ocultación e negación do que somos está asentado no sistema educativo do que o goberno galego é un fiel gardián”.

“Na axenda non está reunificar o nacionalismo”

Entrevistamos Xoán Carlos Bascuas (Alemaña, 1970), que anunciou a súa renuncia á secretaria xeral de Compromiso por Galicia, mais non a un proxecto que xulga necesario, por único, por distinto, para este país. “Hai que traballar na normalización da vida política galega e iso implica que haxa máis dunha forza que asuma o discurso de país”.

'A transferencia da AP9 ou máis unha mostra da dependencia'. Nos mesmos días en que Valonia é quen de vetar un acordo internacional da UE con Canadá, o Parlamento da Galiza non consegue nen que se tramite unha súa iniciativa no Congreso. Isto ten responsábeis e leva á tona a dependencia política do país.

A saída do Reino Unido da Unión Europea, o Brexit, colide coa vontade maioritaria do pobo escocés de permanecer no seo da UE. O goberno do Scottish National Party (SNP) vén de poñer acima da mesa a posibilidade de volver realizar un referendo independentista. En 2014 a consulta resultou nunha axustada vitoria do unionismo. '#Indyref2 como resposta ao engano do Reino Unido'.

Internacional

O Dakota Access Pipeline, en construción, será un dos máis importantes oleodutos dos EUA. Cunha lonxitude de 1.770 quilómetros, atravesará catro Estados para bombear até 470.000 barrís diarios de cru. O seu trazado ameaza o patrimonio histórico dos pobos orixinarios e o medio natural. Tribos sioux únense para loitar contra a instalación da canalización petroleira no seu territorio. 'Revolta contra un megaoleoduto en Dakota do Norte'.

En 'Mosul, a outra cara da moeda na guerra contra Daesh' contamos como o goberno iraquí, co apoio dunha coligazón liderada polos EUA, quere recuperar a segunda cidade do país. “En Mosul as forzas iraquís e a coligazón internacional habilitan un “corredor humanitario” para que Daesh poida saír da cidade”.

Moito poder, poucas mans

Non é unha novidade que existe unha forte interrelación entre multinacionais e que hai unha serie de axentes económicos -nomeadamente sociedades financeiras ou grupos industriais que teñen un gran control sobre o capital de miles de empresas de todo o mundo. 'Moito poder, en poucas mans'. An análise achegamos unha perspectiva da economía galega desde o prisma internacional.

Samaín

Entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno é tempo de Samaín, cabazas talladas, castañas asadas e viño novo. O trazo do culto ás ánimas de Galiza, o magosto, a talla de caveiras...todo isto forma parte do tempo do Samaín.

Non falta Fóra de Lugar, con achegas, recomendacións e consellos, nin o Colectivo Xea, que desta vez nos leva pola Ruta do Batán de Folgoso. Xan Muras entréganos un novo mes do seu calendario, novembro. E na contra-capa, incluimos o roteiro das Irmandades da Fala por Compostela organizado pola AC O Galo e na selfie.entrevista, Rubén Vilariño, da asociación 'Pereira Adiante', que organizan a Festa do Pan de Bande.

Moitas voces

Neste número non faltan tampouco as colaboracións e críticas, sen as que Sermos Galiza non sería o mesmo. Marilar Aleixandre fálanos de ““A ecuación resultante dos Xs e Gs podería escribirse así: o X do GAL entrega o goberno ao X da Gürtel”. Guillerme Vázquez considera que “naceu a Grande Alianza Española PP-PSOE-C´s, que permitirá que o PP e Rajoy sigan a gobernar o Estado”. Uxío-Breogán Diéguez escrebe sobre 'Xosé Velo Mosquera e o DRIL' mentres que Olaia Ledo achéganos a 'Sicixia', o último filme de Ignacio Vilar.

En 'A nación na outra beira' Mario Regueira debúllanos 'O soño da Galiza ideal', Xosé M. Núñez Seixas. Andrés Castro fálanos de 'Corn Island (Simindis kundzuli)', un filme de George Ovashvili. E Manuel Xestoso cóntanos de 'O tolleito de Inishmaan', de Cándido Pazó. Para poñer o ramo, Iago Varela fala de 'O calote do “iPhone extremeño”.


 

Máis en Só en papel
Comentarios