#sermos212: unha Galiza a dúas velocidades e un ensino non tan gratuíto

Analisamos o custo de estudar en Galiza, falamos do rexurdir de Treixadura, debullamos como o PP xoga todo ao escano 38, preguntámonos se existe a Galiza de dúas velocidades... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Enceta un novo curso escolar e, con el, o peto de miles de familias galegas afronta un dos momentos críticos do ano. O próximo 12 de setembro inicia a docencia no ensino Infantil e Primaria, mentres que o 15 comeza para o alumnado de Secundaria e Bacharelato. Nais e pais cadran as contas para completar a mochila, desde libros a material escolar, cando restan poucos días para o inicio das clases. En 'O custo de estudar en Galiza' achegámonos a esta cuestión.

Moitas saben de que falamos cando nos referimos a un Yorkshire ou a un pequinés, mais poucas persoas constrúen unha imaxe mental se nos referimos a un guicho ou quisquelo; a unha vianesa ou a unha frieiresa. Estamos a falar de razas galegas, animais do país. Galiñas, porcos, cabalos, ovellas e mesmo cans levan selo de identidade galega. Falamos disto en 'E ti, de quen ves sendo?'

Neste semanario tamén nos achegamos ao proxecto Tosta, que estes días recala en Rianxo. O proxecto é unha colaboración entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas do eixo Atlántico de Europa. Combina a promoción da creación artística, a celebración da diversidade lingüística e cultural, a xestión equilibrada das linguas nun proxecto internacional e unha estratexia comunicativa innovadora. De Irlanda a Galiza.

SG212Eleccións do 25 de setembro

'O PP xoga todo ao escano 38'. O alto mando do PP xa tomou unha decisión: a estratexia da formación conservadora é gañar a maioría absoluta o 25 de setembro coas súas propias forzas, sen agardar, portanto, a que Ciudadanos meta a cabeza no Hórreo. O PP fíao todo ao escano 38. Mentres, na oposición, só o BNG pide un novo marco político para a Galiza, en tanto que PSdeG e En Marea disputan o espazo socialdemócrata e galeguista.

'O PCP exige mais compromisso ao PS ante os orçamentos do Estado'. Aumento do salário mínimo até os 600 euros, subida de pelo menos 120 euros nas pensões ou rachar com as imposições da UE são algumas das exigências do PCP no início do curso político após a Festa do Avante! que acolheu mais de 700.000 visitantes na sua quadragésima edição.

'Milosevic non cometeu crimes de guerra'. O Tribunal Penal Internacional para a Antiga Iugoslavia exonera o expresidente da Serbia. A sentenza confirma que Slobodan Milosevic non só non fixo parte da limpeza étnica emprendida por Radovan Karadzic, senón que se opuxo a esta e apostou na fin da guerra a través dun acordo político.

A posta en marcha de novos espazos rexionais como a Unión Económica Euroasiática, a Nova Ruta da Seda e o desenvolvemento dos BRICS e do espazo da Organización para a Cooperación de Shangai desafían a hexemonía das potencias occidentais e, especialmente, as anglo-saxonas. 'Eurasia, o polo que ameaza a hexemonía occidental'.

A Galiza fendida

Fálase da Europa de dúas velocidades nunha metáfora que ben podería valer para descreber a fendedura que existe dentro da Galiza e que se está a alargar cada vez máis: a das comarcas e polos “desenvolvidos” fronte a outras áreas que corren perigo de ficaren “descolgadas”. Un risco cada vez máis presente. O 44% do PIB xérase nas sete principais cidades da Galiza, mentres que 42 das 53 comarcas galegas teñen un PIB por habitante igual ou inferior á media galega. Tratamos este tema na reportaxe 'A Galiza fendida'. E na análise A. Costa explíccanos por que estamos perante un estancamento da economía europea.

Rexorde Treixadura. Conversamos co Toniño, integrante desta agrupación musical, quen nos falou do sentir e ser da música tradicional en Treixadura, das mudanzas que atravesou a formación e dos proxectos que están por vir.

En Andar e Ver o Colectivo Xea lévanos até a Cova das Choias, un paseo sorprendente até unha caverna de grandes dimensións en Pobra do Brollán. Na contracapa viamos até o paraíso micolóxico que atesoura a illa de Cortegada, en pleno corazón da Ría de Arousa, e no selfie-entrevista converdsamos con David e Diana, de Bolboretas no Bandullo.

Múltiples voces

Neste número do semanario acompáñannos, como é habitual, unha manchea de voces diferentes, coas súas achegas, opinións e críticas. Temos así a David Otero, quer escribe que “Manuel María, no seu facer a cada hora, estaba perfectamente definido en ser boa persoa. Un bo home. Boa xente como se di polo corrente entre nós”. Ou Marga Doval, que fala ás “Compañeiras da miña xeración, superviventes, ante o acoso diario, a igual traballo igual salario, nós parimos nós decidimos, nas nosas conas as nosas regras, queremos camiñar soas pola rúa de noite e de día. No século XXI con estes cantares! Nós, compañeiras, somos parte da noticia, somos o botín de guerra, a presa do remate da festa, as faces do tabú da violación, das hostias que a lume entran, dos silencios cómplices e consentidos”.

Dionisio Pereira fálanos de José Pasín, símbolo da Compostela antifranquista. “Expulsado do Concello durante o Bienio Negro e logo perseguido con saña tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936, andou agachado polas aldeas colindantes durante tres anos, mentres os fascistas asasinaban os seus fillos Modesto e Marcelino e o resto da familia era obxecto de numerosas represalias”.

Mario Regueira cóntanos de 'O Desexo', máis que un libro de poesía. “Pode lerse así como unha obra redonda, na que a poesía complementa, cuestiona e desenvolve os temas da pintura”. Andrés Castro achégase ao filme 'Fantástico Sr. Fox (Fantastic Mr. Fox)'. Paula Mariño fálanos do CGAC no seu percorrido polos museos do país.

'De desafíos e regueifas' escrebe Xurxo Souto, que nos canta como esta arte milenaria abrolla e continúa presente no noso país, moitas veces onde menos se agarda.

Máis en Só en papel
Comentarios