#sermos209: Novo modelo de financiamento

Entrevistamos Mercedes Oliveira, catedrática de Filosofía, sobre a violencia machista, debullamos as chaves dun modelo fiscal acaído ás necesidades de Galiza, descobremos o país a través das obras literarias... todo isto e máis, á venda xa na nosa loxa.

As balanzas fiscais que cada ano publica o Ministerio de Facenda agochan aspectos cruciais para variar o resultado final. Imputacións absurdas como a Seguridade Social e medias verdades como o cálculo por partes de determinados impostos como o IRPF e o IVE decantan o saldo a prol do Estado, aínda que a realidade é que Galiza recada 4.300 millóns máis que o orzamento da Xunta para 2015. En 'Un modelo fiscal como o vasco?' debullamos esta cuestión polo miúdo.

Mercedes Oliveira Malvar é catedrática de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo. A súa tese doutoral intitulouse A educación afectivo-sexual na adolescencia. Epistemoloxía e didáctica dunha proposta (1997) e leva anos a traballar na prevención da violencia machista entre a mocidade e na coeducación. Con motivo dos últimos dados feitos públicos pola Xunta, conversamos con ela. “A violencia machista só se pode resolver se a ves”, dinos.

A roupa á venda na feira e nas prazas foi tradicionalmente un sustento para as familias. A oferta de prendas a prezos moito máis baixos que nas tendas aliviaba as economías domésticas sen acusar a falta de calidade en certos produtos. Este modelo é repetido por grandes portais de venda online, que convencen unha elevada cifra de consumidores. 'A nova feira'.

SG209O BNG chamou este 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, a recuperar a memoria histórica do país. Un apelo que realizou ao tempo que lembraba que este 25S se abre unha porta para que haxa “un cambio de verdade”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón. En 'O BNG fai memoria'.

"É todo o pobo colombiano quen ten que conquistar a paz"

Publicamos entrevista co Comandante Ricardo Téllez, que fai parte do Secretariado do Estado Maior Central da Forza Armada Revolucionaria de Colombia- Exército do Pobo (FARC-EP) e participou da súa delegación de paz nos diálogos de La Habana que se veñen de saldar cun acordo definitivo para poñer fin a máis de cinco décadas de insurxencia armada.

O 21 de setembro a base do Partido Laborista terá que escoller entre ratificar Jeremy Corbyn ou designar Owen Smith como novo líder. A elección está marcada polas resistencias á ruptura coa deriva neoliberal que supuxo a elección de Corbyn hai menos dun ano. 'Marcha atrás no xiro á esquerda do laborismo?'.

Un informe do Banco Central Europeo advirte do elevado grao de oligopolio bancario que se está a fraguar no Estado español, proceso que contou coa complicidade e apoio directo do poder político e organismos encargados de velar pola competencia. Tan só cinco bancos controlan o 60% dos activos, porcentaxe moi superior á do resto de Estados europeos. 'Concentrar e centralizar'.

En 'A Galiza imaxinada' achegamos unha guía onde se recollen lugares vinculados a fragmentos literarios. Unha proposta diferente para facer turismo na nosa terra. Desde o mar até a montaña. Desde Manuel María até Mendinho. Unha escusa para gozar coas nosas letras e para partillar recunchos emblemáticos da nosa xeografía. Atréveste a viaxar? Neste SG 209 publicamos a primeira parte.

En ' Arredor de e Caín' o escritor Paco Souto debulla o contido do seu último libro. E en 'A pedra, o cal e as tradicións da cor aculturadas' Felipe Senén lembra como “o cal, amais da súa necesidade, significaba rango, poder, mentres que as cachoupas humildes, os cortellos, mantíñanse en perpiaño visto”. No selfie-entrevista falamos co músico Brais Morán e en A Contracorrente detémonos na metalurxia prehistórica a carón dos petróglifos.

Mais isto non é todo. Non falta a cita con Pilar García Negro, que nos fala de 'Como se escrebe a historia' e con Xavier Queipo, que opina en 'Memoria, identidade e psicoloxía electoral'. Alberte Ansede pon en valor 'O Manuel María anti-imperialista' e Mario Regueira fálanos de 'Galería de Saldos', de Diego Giráldez. Andrés Castro cóntanos de 'O lobo de Wall Street' (The Wolf of Wall Street). Pepe Barro tráenos 'O chafarís das ninfas'.

Máis en Só en papel
Comentarios