#sermos207: 25S, eleccións á medida do PP e o estado da Ría de Ferrol

Neste número falamos de lactancia, da precariedade laboral no verán, de coligazóns electorais, comercio electrónico... Todo isto e máis, xa á venda na nosa loxa.

'Ferrol, unha ría que agoniza'. O saneamento integral da ría de Ferrol non rematará, malia a propaganda, antes de 2020, mais daquela o seu estado será crítico e as condicións económicas do sector marisqueiro, cada vez máis precarias. Mesmo nese horizonte, o esteiro non volverá recuperar o esplendor de antano sen unha aposta decidida da Xunta na rexeneración.

Nos últimos anos o movemento feminista debateu sobre as maternidades, os modelos de crianza e tamén sobre a lactancia materna. Na Semana Internacional da Lactancia Materna, proclamada entre o 1 e o 7 de agosto pola OMS e Unicef en 1992, abordamos as razóns que levan cada vez máis mulleres a optar por esta forma de crianza. Mais tamén quen decide dar biberón. 'Aleitar, un modelo de crianza natural'.

SG207'Quen me coida das crianzas?' O horario escolar deixa un baleiro difícil de encher no verán. No verán a rapazada aproveita ao máximo un período de tres meses sen preocupacións. Estas trasládanse aos seus pais e nais, que deben pensar como mantelos coidados durante a xornada laboral. O lecer e a educación son prioridade para os pais, dúas condicións que poden cumprir a familia próxima ou as educadoras profesionais.

Xa hai data electoral para Galiza, 25 de setembro, a mesma na que votarán os vascos. Feijóo afirma que “por responsabilidade” co panorama político estatal ambos comicios deben coincidir. Delega exercer como presidente de Galiza até para fixar as eleccións galegas. '25S: Feijóo data as eleccións contra a súa propia palabra'.

A asemblea constituínte aprobou transformar En Marea nun partido instrumental para as galegas. As bases de Podemos aprobaron que o seu partido vaia ao 25S aliado con En Marea, mais rexeita facer parte do partido instrumental. 'Podemos e En Marea buscan encaixe'.

Internacional

'O bipartidismo, a punto para a carreira presidencial nos EUA'. A cuestión internacional ocupa un enorme espazo na discusión política. O escándalo dos correos da etapa de Clinton como secretaria de Estado e as erráticas posicións de Trump marcan o inicio da campaña.

A resolución unánime do Tribunal Constitucional español, que tomba un acordo do Parlament sobre a desconexión co Estado, será desobedecida polas forzas que representan a maioría da cámara catalá. 'O procés independentista sobarda a legalidade española'. As forzas soberanistas manteñense firmes na folla de rota con rumo a constitución da República Catalá.

O comercio online expándese cada ano e é un foco de negocio que move cifras astronómicas. Pero postas en global todas as cifras o semellan. Se xuntásemos todos os comercios físicos do país ou do mundo para facer un inventario común, de seguro que o número tería moitos máis ceros. Isto é o que se sente na rúa, o comercio online pode provocar unha baixada nas vendas, mais aínda non é palpábel. 'O comercio en rede fronte á rede de comercios'.

'Vacacións forzosas para os dereitos laborais'. As consultoras cifran até en 49.000 os empregos que se van xerar na campaña de verán. Os meses de verán veñen acompañados da tradicional baixada nos dados do paro, unha queda produto en boa medida da creación de empregos estacionais e precarios. Na Galiza hai durante o estío un completo mapa de traballos que entran neses parámetros.

Vila do Conde acolle cada mes de xullo un dos máis importantes festivais europeos de cinema, o “Curtas”. As mellores curtametraxes do mundo son o obxecto central dun certame que sempre mirou máis lonxe para explorar a relación do cinema coa música e as artes plásticas. Boa proba disto é dende 2005 a Galería Solar, habitada até o 25 de setembro pola obra dos Joãos.

E na contra-capa, Converter os bolillos en Patrimonio da Humanidade e a selfie-entrevista a Xavier Castro, vocalista de Raiba.

Voces

Ademais, neste número volven acompañarnos voces como Iago Varela e o seu 'Mapa de Bits, no que nos conta que 'Pokémon Go leva o xogo ás rúas'. Publicamos os relatos gañadores de Construíndo Orgullo, como “Londres-A Coruña”, de Lucía Cernadas Varela. O crítico de cinema, Andrés Castro, fálanos do último filme do Studio Ghibli, 'A lembranza de Marnie (Omoide no Mânî)', de Hirosama Yonebayashi.

Mario Regueira, na crítica de libros, debrúzase sobre 'Libro de horas', de Miguel Anxo Murado. “O resultado é unha colección de anécdotas e reflexións que deixan sempre o gusto dunha historia curiosa e que en ocasións non renuncian a abordar un punto de transcendencia, como se esta se atopase nalgún lugar intermedio entre o fluír das novas que a actualidade esixe, os universais cos que xoga a literatura e o ton dunha ollada particular”.

Olaia Ledo escrebe do primeiro festival 'Curtas de Telearqueoloxía'. Uxío-Breogán Diéguez, na súa columna, deita os ollos desta vez en 'Ultreya e o nacionalismo xuvenil no tempo republicano'. Na súa sección de 'Extra-Muros, Guillerme Vázquez fala de 'Imperialismo e desastre'. “Un regueiro de sangue, destrución, desesperanza e exilio é o balance que poden exhibir as benefactoras potencias”. E Pilar Fernández, 'O cerco: valentes no mar, loitadores en terra'.

Máis en Só en papel
Comentarios