#sermos206: Servizos sociais, coto privado

Os 17 deportistas galegos que van aos Xogos de Río, a importancia dos 'influencers', a análise posto-25X, as propostas para o naval... Todo isto, e moito máis, neste novo semanario do Sermos Galiza, xa á venda na nosa loxa.

Grandes multinacionais xestionan unha parte importante dos servizos sociais nos concellos galegos, desde a asistencia no fogar, a dependencia, centros de drogodepencia, da terceira idade, albergues ou escolas e programas infantís. Unha cuestión que debullamos no Tema de Primeira, 'As multinacionais do social'. “A mesma empresa que recolle o lixo, constrúe unha estrada ou limpa edificios públicos pode obter a concesión de programas cun marcado carácter social, a través de filiais e marcas brancas, pero mantendo unha liña de negocio similar: precariedade e abusos laborais, incumprimentos e servizos de mínimos, beneficio fronte á calidade na atención”.

Marcas, empresas e mesmo organizacións políticas buscan perfís que os proxecten através da rede. Son os 'Influencers', o boca a orella 2.0'. As persoas consideradas influencers teñen milleiros de seguidores e crean opinión.

Haberá un total de 17 deportistas galegos -ou con licenza galega- nos Xogos Olímpicos. Son 'Os 17 de Río'. Após catro anos de duro traballo, concentracións interminábeis e sen fisuras para o contacto familiar, réximes estritos e horas diarias de adestramento físico, chegan os Xogos. Só despois disto se entende aquilo de: Competir aquí é o premio. Un premio do que o vindeiro mes en Rio gozarán 14 deportistas galegos e tres máis con licenza na Galiza. En total, 17. Pero falta un. Javi Gómez Noya non poderá acadar o ansiado ouro olímpico logo dunha fractura na cabeza do radio. O referente galego perderase os Xogos, mais as opcións de acadar os metais seguen moi vivas.

SG20625 de xullo

Nas vésperas había preocupación en Rodríguez de Viguri, a sede nacional do BNG. O desafío, voltar a mostrar potencia nas rúas no Día da Patria Galega. A resposta da parroquia nacionalista superou as expectativas. 'Exhibición de músculo social do BNG'. Por volta de 15 mil persoas danlle novos azos ao Bloque para o repto das eleccións galegas.

As cen principais compañías da industria do armamento ingresan cada ano entre 400 e 475 mil millóns de dólares. O gasto militar mundial achégase aos 2 billóns de dólares. Contámoscho en 'A grande industria da guerra'.

En 'A loita sindical no Uruguai paraliza o país para forzar o goberno a rectificar' informamos sobre a central sindical única PIT-CNT e a súa reclamación ao goberno dunha mudanza na política salarial.

Nos 90 o naval supoñía 10.000 empregos e achegaba o 30% da riqueza da comarca de Vigo, para alén de ser o 41% da construción naval no Estado. Perdeuse moito, mais o sector non está disposto a que se perda todo e recupera a unidade de acción para exixir de todos os axentes compromiso e responsabilidade. 'Obxectivo, sacar o naval da ría de Vigo da UCI'.

Manuel de Escola

Xosé Tomás saca á luz 'Manual de Escola', un libro de humor gráfico sobre educación. A través de viñetas onde as crianzas son as protagonistas, o autor trata o día a día dun sistema educativo errático. O libro é editado baixo o abrigo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG). Manual de Escola será presentado a sexta feira, día 29 ás 20:00h, na libraría Biblios (Betanzos). Conversamos co seu autor: “Foi case unha cuestión, non digo de rabia, pero si de certa dor, como educador, de ver como o sistema educativo que temos é como é”.

Non falta a nosa contra-capa e a selfie entrevista, desta volta a María Corrochano, xogadora do Fillas de Breogán e da selección galego de fútbol gaélico que este agosto vai desputar o Mundial de Dublín.

Ademais, neste número Luz Darriba fálanos de '18 de xullo de 1936, golpe de morte ás liberdades das mulleres'. Tamén contamos coa achega de Antón Losada, 'A demisión do Apóstolo', “Galicia entrou nun bucle morboso que semella devolvernos a un pasado que coñecemos ben. Estamos de volta no Fraguismo, pero sen Fraga”.

Pepe Barro fálanos de 'Camilo Díaz Baliño'. “Descontando a Federico Ribas, que traballa no estranxeiro, Camilo é o máis parecido a un deseñador que temos na Galicia anterior á guerra civil. Co seu traballo múltiple crea a imaxinería simbólica do tempo das Irmandades”.

Mario Regueira, na crítica literario, achéganos a 'Da fría e distante estrela polar', de Tomás González. “A obra afíliase a unha corrente que nos últimos anos ten alborotado para ben unha parte da cultura galega “. E Andrés Castro fálanos do filme 'Rúa Cloverfield 10 (10 Cloverfield Lane)', de Dan Trachtenberg. “Aparte dunha notábel dirección en espazos pechados, apoiada nunha banda sonora que potencia a atmosfera, en Rúa Cloverfield 10 destacan as convincentes interpretacións”.

Manuel Xestoso fala duns encontros entre o teatro galego e o portugués que non pasan de fortuítos. “Cúmprense nestas datas os trinta anos de Teatragal, unha iniciativa que tentou que dous sistemas teatrais daquela emerxentes puidesen converxer ou, polo menos, dialogar”.

Olalla Rodil estrea sección, 'Olladas (re)construídas'. Desta volta para nos falar dunha canción, 'Summertime'. 

Máis en Só en papel
Comentarios