#sermos205: a factura que o déficit estatal pode pasar a Galiza e entrevista a Ana Pontón

Máis un semanario nos quioscos e na nosa loxa. Analizamos como pode afectar ao noso país a multa de Bruxelas a España por incumprir o déficit, entrevistamos a portavoz nacional do BNG ás portas do 25X, debullamos o control policial sobre as redes sociais ou botamos un ollo aos mellores festivais. Á venda xa na nosa loxa. 

O Estado español gastou en 2015 un total de 10.000 millóns máis do que pactara coa UE, que a vindeira semana dará a coñecer a contía dunha multa que non é máis que unha das secuelas do incumprimento. A factura a pagar, en forma de suspensión dos fondos europeos, acabará afectando Galiza. Tratamos este tema en 'Os fondos europeos, en risco real'.

Tratamos a vixilancia e control policial na reportaxe a dupla páxina 'A rede, caladoiro de pesca policial'. Ao fío das operacións despregadas polo Ministerio do Interior contra internautas pola publicación de contidos presuntamente apoloxéticos do terrorismo e incitadores á violencia, preguntámonos: estamos a ser observadas colectivamente?

A investigación e desenvolvemento é un tema habitual á hora de falar de investimentos do Estado. O fundamental do I+D non son só os postos de traballo que se poidan crear, senón a súa calidade e a utilidade que poden ter para o servizo público os avanzos que se conquisten. Innovar, avanzar e emprender son palabras moi promovidas, mais necesitan unha base detrás: o coñecemento e a divulgación. 'Investigación, desenvolvemento e divulgación camiñan da man'.

SG205Ana Pontón

Entrevistamos Ana Pontón. Ten unha convicción imposíbel de abalar: sen un nacionalismo forte non é posíbel o cambio que Galiza precisa. Prevé un Día da Patria 2016 tan masivo como animoso e transmite entusiasmo e moita determinación por mudar as cousas. “Temos que pasar á ofensiva ideolóxica sobre os valores de progreso que representa o nacionalismo e sobre a alternativa de cambio real que representa o BNG”.

'Unha ameaza chamada CETA'. O acordo comercial entre a UE e o Canadá é un anticipo do TTIP cos EUA. A cláusula ISDS incluída no acordo co Canadá permitirá ás grandes corporacións transnacionais forzar a súa entrada nos servizos públicos, mesmo no caso de non se asinar o TTIP.

'Turquía, do golpe á purga de Estado'. O fracaso da asonada militar do 15 de xullo foi seguido do agravamento da política autoritaria do presidente Erdogan. O país otomán fica inmerso nunha crise política e institucional. Ao histórico confronto entre laicos e islamistas, engádese a disputa entre dúas fraccións do islamismo. A liderada por Erdogan e o movemento Hizmet do imán Fethullah Gulen.

A profunda transformación do rural galego, dun sistema totalmente agrario a outro rural con novos retos, problemas e necesidades. Hai quen anima a falar de rurais e non en singular para nos referir a esa parte do país (75% do territorio, 25% da poboación) indispensábel para construír presente e futuro de Galiza. Tratámolo en 'O agromar dun outro rural galego'. E en Análise preguntámonos sobre se imos a un estancamento da economía europea.

Desde a Mariña Lucense até a Costa da Morte, con paradas en Compostela, Boimorto, Ponteceso... Se este verán estás na Galiza non podes deixar escapar este marabilloso percorrido pola nosa xeografía. Achegámosche unha listaxe onde recollemos unha pequena mostra dos festivais que se celebrarán esta temporada estival para que goces ao máximo do teu tempo de lecer. 'Os mellores festivais do verán están en Galiza'.

Felipe Senén cóntanos do 'sedutor encanto do Monte Pindo'. Na contracapa animamos a ler o 'Alba de Gloria' no Pico Sacro, e na selfie entrevista falamos con Óscar Otero, presidente da Asociación de deseñadores galegos (DAG).

E, ademais, as achegas de Pilar García Negro e Xavier Queipo. E Pepe Barro, que se pregunta sobre a nosa cor. Andrea Maceiras, gañadora do Jules Verne 2015, escribe sobre a obra que lle deu o premio. “De todos os tempos da vida o máis difícil de apreixar é en palabras de William Wordsworth aquel do esplendor na herba, da gloria nas flores”.

Na crítica de cinema, Andrés Castro fálanos de 'O conto da princesa Kaguya (Kaguya-hime no Monogatari)'. Na crítica de libros, Mario Regueira cóntanos de 'De camiños, viaxeiros e camiñantes', de Santiago Lamas e Alfonso Mato. “Un ensaio máis divulgativo que académico, que se le con rapidez e gusto e que deixa un monte de curiosidades e reflexións na mente das persoas lectoras”. Olalla Ledo fálanos de Chano Piñeiro e Alberte Ansede volve debruzarse sobre a obra de Manuel María.

Máis en Só en papel
Comentarios