#sermos204: Día da Patria e Fernández Paz

O 25 de Xullo e o pasamento dun xigante das nosas letras teñen protagonismo neste semanario. Un número no que, ademais, analizamos o xenocio do 36 en Galiza, falamos do negocio hidroeléctrico na Galiza ou preguntámonos que se agocha tras a antorcha olímpica de Río 2016. Á venda xa na nosa loxa. 

Sementar o terror e decapitar o futuro político do país. Eis os dous obxectivos principais dos golpistas en Galiza que, malia a crueldade coa que impuxeron o levantamento, atoparon resistencia nas forzas democráticas e na sociedade civil. Con motivo do 80 aniversario do golpe, Sermos Galiza publicará un ensaio que será presentado o 25 de xullo no marco do Festigal. Adiantamos o seu contido neste número 204 do semanario Sermos Galiza. 'A memoria represaliada'.

'Vehículos eléctricos, unha alternativa arriscada'. Malia aumentaren as matriculacións nos últimos anos, a comercialización de vehículos a motor con enerxías alternativas ao petróleo é aínda pequena na Galiza. A autonomía limitada e a falta de puntos de recarga, entre as principais eivas.

En 2016 fecharon 16 escolas. A desaparición de centros educativos no territorio rural galego é unha realidade que non se pode obviar, ao igual que o agrupamento de unidades educativas entre crianzas de diferentes idades ou a ausencia de servizos básicos como o transporte ou os comedores e as actividades extraescolares. Con todas estas eivas, o modelo educativo rural fica nunha situación de inferioridade a respeito do de maiores concentracións de poboación. Un tema que debullamos en 'Aprender no rural'.

SG204Día da Patria

'Un Día da Patria Galega coas urnas no horizonte'. Non hai tregua. Co balanzo do 26X aínda quente e por dixerir, as maquinarias das forzas políticas traballan xa coas galegas de outono no horizonte. No soberanismo a inminencia do novo escrutinio eleitoral marca a convocatoria do día máis especial do calendario político para aquelas e aqueles que conciben Galiza como nación.

Na sección de Internacional falamos de como Moscova e Ankara veñen de retomar relacións diplomáticas, económicas e comerciais, suspendidas após o ataque turco que derrubou o 24 de novembro pasado un caza ruso SU- 24. O goberno turco amósase disposto a modificar a súa política face Siria.

'Rio 2016: o que se oculta por trás da tocha olímpica?' Enquanto o relato oficial se reitera nos supostos retornos positivos que terá a celebração dos jogos no Rio de Janeiro, movimentos sociais denunciam o legado de violência, dívida e privatização que deixaram os que qualificam de “jogos da exclusão”.

En 'Do encoro ao peto' abordamos como surtimos coas concesións públicas nos nosos ríos unha parte importante do negocio de grandes compañías enerxéticas foráneas e os seus accionistas sen ter máis opción que ser espectadores e damnificados. Unha realidade favorecida por un réxime de explotación hidráulica máis propio do século XIX e un trato de favor do poder político para as empresas.

O estandarte da Xeración Lamote

Agustín Fernández Paz, falecido este 12 de xullo, deixou semente, e non só no mundo da cultura galega. Dúas xeracións enteiras medraron ao abeiro das súas historias, que sempre tiveron o apoio do seu público, e algúns daqueles rapaces e rapazas que se engancharon aos libros do vilalbés son hoxe herdeiros da súa literatura.

Na contra-capa, a loita contra os invasores de Sálvora e a selfie-entrevista a Suso Lista, escritor e ex-percebeiro. Ademais, neste número volven acompañarnos as críticas de Mario Regueira e Andrés Castro, o estalo de Xurxo Souto, as achegas de Paulo Mariño, Henrique Rabuñal, David Otero e Marga Doval...

Máis en Só en papel
Comentarios