#sermos203: Galiza, no seu espaço natural

Que ganharíamos de nos unirmos à comunidade de países de língua portuguesa? Unha pregunta á que procuramos respostas neste semanario. Un número no que falamos de agrotóxicos, de TTIP, entrevistamos Noa Presas ou debullamos a pegada dos anarquistas galegos no Exército vasco. Á venda xa na nosa loxa. 

Quando o Parlamento Galego aprovou por unanimidade a Lei 1/2014 para o aproveitamento da língua portuguesa e vínculos com a lusofonia, mais conhecida como Lei Paz Andrade, foram muitas as galegas e os galegos que pensaram que o país deixaria, por fim, de viver de costas ao seu vizinho, irmão mais bem, e se abriria uma nova etapa na qual se rompessem os vínculos com uma política educativa deficiente que, entre outras coisas, situa a Galiza a anos-luz de Estremadura em matéria de conhecimento e reconhecimento do idioma português. 'Lusofonia: as oportunidades que aguardam'.

'Agrotóxicos: armas de destrución masiva'. O uso de produtos químicos destinados a combater pragas na agricultura (pesticidas) ou a evitar que medren herbas e arbustos (herbicidas) é habitual e xeralizado. Sobre algúns deles pairan dúbidas a respeito do seu carácter inocuo. Doutros, estudos científicos e organizacións internacionais como a OMS alertan sobre o seu potencial canceríxeno. Eis o caso do glifosato e, con anterioridade do flufenoxurón, produtos promovidos polas transnacionais vencelladas á agricultura intensiva como Monsanto ou Bayer e sobre os que cómpre facerse unha pregunta. Que están primeiro, a prevención e precaución ou os beneficios económicos?

SG203O sábado 9 de xullo a Carballeira de Santa Isabel será un espazo de ocio para todo aquel que decida achegarse á localidade de Outeiro de Rei: bandas musicais, andaina con ofrenda incluída a Manuel María no cemiterio onde está soterrado; xantar, foliada, romaría… E concerto ao final da tarde para rematar a festa, no que Uxía cantará pezas do seu traballo: Uxía Canta a Manuel María. 'Outeiro de Rei, epicentro da festa do pobo galego'.

“Podemos ser chave nun hipotético cambio na Xunta”

Fala con moita convicción e forza. É nova, mais acaba de pasar por unha proba á que nunca se submeteron os cadros máis veteranos da súa organización: unha campaña ás xerais a dupla volta, o 20D e o 26X. Noa Presas (Ourense, 1987), responsábel de Relacións Políticas do BNG, non se enruga ante os resultados. Acha que o Bloque ten as súas opcións nas galegas. Receita traballo duro e máis mobilización social. Entrevistámola a dupla páxina neste número. “É obvio que o BNG ten un proxecto político para este país”.

Na sección de internacional unha das cuestións que tratamos e o Brexit e as súas repercusións en Escocia. A permanencia ou a saída da Unión Europea alargou a fenda entre Escocia e o Reino Unido. O 62% dos e das escocesas rexeitaron o Brexit no que apostaron o 52% das británicas. Edimburgo valora agora varias opcións para evitar a súa exclusión da UE. Entre elas, a convocatoria dun novo referendo de independencia .

'Colombia, as chaves da paz que quer botar andar': A paz ábrese camiño após 52 anos de confronto armado empurrada polos históricos acordos subscritos entre a guerrilla e o goberno colombiano. Fica pendente a efectivización do xa pactado e a ratificación das condicións para a paz nun plebiscito vinculante.

TTIP e as denominacións de orixe galegas

O tratado de libre comercio (TTIP) que negocian Estados Unidos e Unión Europea pon na picota as denominacións de orixe. No noso país hai unha trintena de D.O, que non son apenas unha simple marca, mais un selo de autentificación dun produto e dun facer. O sector alimentar de Galiza e Europa ve con preocupación o impacto que ten o tratado. 'O TTIP ameaza as denominacións de orixe'. En Análise, a segunda parte de 'Evolución da dotación de solo empresarial (e II)'.

O historiador galego residente en Euskadi Sergio Balchada Outeiral está a rematar un libro sobre un tema bastante descoñecido tanto no seu país natal como no de acollida: a ampla participación galega no Exército Vasco durante a Guerra Civil, sobre todo a través organizacións anarquistas. “Cando rematei a carreira e me vin a Euskadi, descubrín case por casualidade o tema e empecei a tirar do fío. Sorprendeume a cantidade de galegos que houbo combatendo a prol do Exército Vasco e estaba farto de que me dixeran que os galegos somos fachas, así que decidín comprobar se iso era así realmente”.

'Clarira, muller emprendedora e loitadora'

Os soportais da Praza da Ferraría, en Pontevedra, gardan a lembranza dunha muller que, afrontando toda clase de impedimentos, foi quen de abrir camiños á presenza feminina no mundo empresarial. Na biografía de Clara López Santiago recoñecemos as mulleres que, nos tempos do medo e do silencio, loitaron contra moldes e invisibilidades. Unha historia que narramos en 'Clarita, muller emprendedora e loitadora'.

E na contra-capa, falamos da historia acobillada nunha casa labrega de Creixa e o selfie-entrevista é para Raquel Saqués, segunda no ranking galego de ciclistas galegas. “En Galiza aínda non hai unha cultura do ciclismo feminino”.

E, ademais, a crítica literaria de Mario Regueira e a cinematográfica de Andrés Castro. Lola Dopico cóntanos como os materiais das lentes de sol camiñan cara ao sustentábel. Iago Varela déntranos na nova era que se abre para os auriculares. E Uxío-Breogán Diéguez fai a terceira entrega de 'Congresos obreiros galaicoportugueses. 115 aniversario'. Marilar Aleixandre fálanos do 'Principio de autoridade: nin a Biblia nin os premios Nóbel'. Guillerme Vázquez debrúzase sobre o Brexit, preguntándose se é advertencia ou oportunidade.

Máis en Só en papel
Comentarios