#sermos202: Chegan os lumes. Estamos preparados?

Entrevistamos Bernardino Graña, lembramos os campos de concentración fascistas en Galiza, debullamos o post-26X electoral... todo isto e máis, xa á venda na nosa loxa.

Máis un número do semanario Sermos Galiza xa nos quioscos e na nosa loxa. O Tema de Primeira adicámosllo ao verán “complicado” que se prevé a respecto dos incendios forestais. A Xunta mantén as liñas principais do seu plan de extinción de incendios forestais a pesar das críticas dos profesionais ante a falta de recursos e a progresiva privatización dos servizos. 'Unha loita contra os lumes e os recortes'.

'Os campos de concentración franquistas na Galiza'. Mosteiros, hoteis, pazos, colexios ou fábricas de conservas son os lugares que quedan hoxe en día do que nun pasado foron espazos dedicados ao culto ao sufrimento e á redención do rancor. Nin sequera unha placa, en moitos deles, conmemora e recoñece o acontecido após a Guerra Civil. O paso do tempo soterrou o recordo dos campos de concentración a xeito de memoria selectiva, mais Galiza albergou campos insalubres, con pelotóns de fusilamento, mortes por inanición e nos que se formaban batallóns de traballo escravo: Lavacolla, Cedeira, Ferrol, Camposancos, Muros, Rianxo, Ribadeo, Illa de San Simón, Santa María de Oia e Celanova foron os principais centros de reclusión do país.

sermos202Unha sociedade avanzada non debería consentir ningunha forma de maltrato animal. De feito, en países como Suecia, Suíza, Alemaña, Holanda, Bélxica, Finlandia e Noruega as taxas de abandono son practicamente anecdóticas. Mentres, na Galiza e na súa contorna xeográfica o abandono de animais de compañía, nomeadamente cans, mantense nos índices máis altos da Europa comunitaria. 'A loita (perdida) contra o abandono de animais'.

Análise post-electoral

'O taboleiro despois da batalla'. Ao PP a xogada case lle saíu á perfección. A campaña máis españolizada resultou no afortalamento do bloco de centrodireita no Congreso; 137 escanos do PP e 32 de Cs. Fracasou o asalto de Unidos Podemos á fortaleza socialdemócrata do PSOE. Na Galiza o PP mostrou a súa enorme potencia.

Cales foron as chaves do 26X? Realmente fallaron as enquisas? Axúdanos a desentrañar estas cuestións o politólogo e colaborador de Sermos Manuel Anxo Fernández Baz en 'Do sorpasso á sorpresa? Notas sobre as eleccións xerais'.

Internacional

'Após o Brexit, que?'. A saída da UE non ten precedentes e o proceso andarase sobre a marcha, sen apenas regulación previa. En 'Catalunya: unha cuestión de confianza'. A oposición da CUP á proposta de orzamentos do Govern abre unha nova crise no procés independentista.

Só cinco dos 28 Estados da UE non teñen forzas fascistas e xenófobas nos seus parlamentos. O apoio popular dos partidos ultra vai desde o 4% até o 51,8%. Representan o 22% das bancadas do Parlamento Europeo e fan parte de varios gobernos. Falamos disto en 'A ultradereita rampante por Europa'.

Coa recesión económica aumentaron considerabelmente o número de horas extra non pagas e ilegais que fan as persoas asalariadas mentres se reducen as pagas. Unha situación que, ademais, ten lugar nun país cun 18,2% de taxa de desemprego. 'As horas roubadas: traballar fóra de xornada'. E en Análise, 'Evolución da dotación de solo empresarial'.

“Eu son escritor e punto”

Galaxia vén de sacar do prelo dous novos libros de Bernardino Graña (Cangas, 1932): unha novela histórica na que revisita a vida de Xesús e un conto para crianzas que lle contaba a súa avoa cando era un rapaz. Unha ocasión para entrevistar a un dos grandes nomes da literatura galega. “O galego ten unha á medio rompida, andamos de medio lado”.

En 'andar e ver' visitamos un espazo que destaca pola beleza das súas paisaxes e a riqueza de flora e fauna adaptada aos cantís, De Dexo ao Seixo Branco. E Xan G. Muras ofrécenos unha nova entrega do seu calendario. Na contra-capa, praias para non fumadores e Iván de Superoito na selfie-enttrevista.

E non faltan as críticas literarias (Mario Regueira) e de cinema (Andrés Castro). E as seccións de Luz Darriba e Antón Losada. E aínda hai máis: Xurxo Souto cóntanos dos gaiteiros embarcados e Mónica Pazos sobre 'Libros fermosos sobre diversidade e respecto'.

Máis en Só en papel
Comentarios