#sermos198: fusións por decreto

Entrevistamos Goretti Sanmartín, falamos da imposición de agregacións de concellos contra a vontade veciñal, da maternidade subrogada, sobre xogar cos límites da literatura na rede... todo isto, e máis, neste número. Á venda xa na nosa loxa. 

Ten Galiza demasiados concellos? É urxente a fusión de municipios, mesmo contra a vontade veciñal? Galiza foi a única en iniciar procesos de fusión, cando a metade dos concellos do Estado teñen menos de 500 habitantes. Cuestións que debullamos na reportaxe 'Fusións de despacho', a raíz do proceso de Cerdedo e Cotobade. A veciñanza presentou máis dun millar de alegacións contra a fusión en Cotobade, con 2.700 electores.

'Maternidade subrogada, alugar un útero'. Portugal regulará a maternidade por substitución, tamén coñecida como “ventres de aluguer” e que no Estado español é, até o de agora, ilegal. Desde 2014 os Estados membros da UE teñen obriga de recoñecer estas crianzas após unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Que din as voces que defenden e rexeitan esta práctica de reprodución asistida?

SG198Impacto

'Máis lonxe de ser Patrimonio da Humanidade'. A construción da A-70 pon en risco a candidatura da Ribeira Sacra. O informe técnico elaborado por unha comisión multidisciplinar a instancias do anterior Valedor do Pobo deberá ser revisado, o que atrasa a presentación da candidatura xa en risco pola construción da A-76 .

As filtracións a respeito dos documentos sobre os que se está a negociar o Trade in Services Agreement (TISA) evidencian que o obxectivo é abrir o negocio da educación ás grandes transnacionais, minguando a capacidade lexislativa dos gobernos. Unha cuestión que tratamos en 'Acordo TISA, a educación como negocio'.

Entrevistamos Goretti Sanmartín. Vicepresidenta Deputación da Coruña e integrante da Executiva nacional do BNG, asume a dirección de campaña do BNG-Nós Candidatura Galega nun contexto obxectivamente difícil, mais ao tempo apaixonante no político, coa refundación do nacionalismo na axenda e a aposta de o país reaparecer no escenario estatal no horizonte. “Hai moita xente desencantada co que viu no Congreso estes meses. Temos que ver o futuro con esperanza e transmitir a idea da dupla utilidade do voto ao BNG”.

Análise política

Publicamos unha análise do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz sobre como está o taboleiro político a menos de catro semanas de que se volten a abrir as urnas. “Máis aló das estratexias políticas preelectorais de cada formación a verdade é que o escenario que nos amosan as enquisas caracterízase porque todo vai ser similar a efectos de investir presidente, mais tamén que o nacionalismo volverá ser decisivo, como xa o foi ao longo destes meses nos debates políticos “.

Subida de impostos indirectos, liberalizacións e nova vaga de privatizacións son as medidas adoptadas polo goberno grego para recortar 5.400 millóns de euros e cumprir as condicións exixidas polo Eurogrupo para liberar o terceiro “resgate”. 'Novo episodio na capitulación grega face a Troika'. Neste número do semanario incluimos a segunda parte da análise de Carlos Morais sobre a negociación en Colombia entre o Estado e as Farc.

'Bilderberg, a grande festa da clase dominante mundial'. As reunións do clube Bilderberg son un evento de grande relevancia na axenda xeoestratéxica global. A pesar de carecer de ningunha lexitimidade como espazo de decisión, as súas resolucións atinxen un impacto decisivo na orde internacional. Nel participan líderes políticos, dirixentes de grandes corporacións transnacionais e da banca e representantes do ámbito militar.

Literatura e rede, Manuel María 

A crise puxo a proba a consistencia das economías dos diferentes países. Tamén a galega. Oito anos de gran recesión que alteraron a nosa estrutura produtiva, empurrando cara a unha tercerización en ramas de actividade de baixo valor engadido, inestábeis e que garanten a precariedade laboral. O ránking de profesións máis demandandas polo mercado en Galiza encabézana camareiros, vendedores e persoal de limpeza. 'O modelo produtivo que nos deixa na Galiza a crise'. E tamén publicamos a análise 'O sector forestal en Galiza'.

Os Premios da Gala do Libro recoñeceron o Poétic@ de Fran Alonso como o proxecto literario na rede máis destacado do pasado 2015, que se suma a outros experimentos literarios que levan explorando desde a aparición da internet novas linguaxes e novos xeitos de creatividade literaria. Mais, onde está o límite? Onde remata a literatura e comeza outra posíbel arte, outra linguaxe? Falamos do tema en 'De Camilo Franco ao Poétic@ de Fran Alonso. A xogar cos límites da literatura na rede'.

En 'Eu son Manuel María, labrego con algo de poeta', Mercedes Queixas debúllanos a súa nova obra. “A autenticidade da obra do poeta, do escritor, reside na aproximación á rede temática de interese universal como o amor, a morte, a nostalxia, a paisaxe, o intimismo, a metafísica, a relixiosidade, o ecoloxismo, a emigración, o humor, mais tamén no recoñececemento da súa entrega comprometida na defensa incondicional dos valores individuais e colectivos da súa xente, como voz dos silentes e das expatriadas, na dignifcación da lingua galega para a súa imprescindíbel normalización e da cultura que nos constrúe con personalidade propia”.

Tamén de Manuel María escribe Felipe Senén na sección 'Eira das Mouras'. A Ítaca de ida e volta de Manuel María, a base do seu sistema métrico para medir o mundo, cóutase en Outeiro de Rei, arredor da antiga e por il tan cantada Casa de Hortas, hoxe feliz Casa- Museo Manuel María. Nada mellor para enxergar a vida e a obra dun autor que tripar os lugares de seu.

En 'andar e ver' imos co Colectivo Xea ao 'Río de San Xoán, pedra e auga', na comarca da Barbanza. E na contra-capa, a selfie entrevista é coa xornalista e escritora María Solar.

Ademais, as achegas de Antón Losada e Luz Darriba, así como a crítica literaria de Mario Regueira, a de cinema de Andrés Castro, así como Olaia Ledo. Tamén nos acompañan as opinións de Mónica Pazos e Carme Fernández Pérez-Sanxulián.

Máis en Só en papel
Comentarios