#Sermos192: Até cando vai estar este Castelao en Bos Aires?

Unha ILP reclama o retorno a Galiza do cadro A derradeira leición do mestre. Á venda xa na nosa loxa. 

Máis un número do semanario que vai no prelo. Esta semana focamos a atención nun dos cadros centrais da obra de Castelao, A derradeira leición do mestre. Un óleo de dous metros de altura co que o de Rianxo homenaxeou Bóveda, que se atopa nas dependencias privadas do Centro Galicia en Bos Aires mentres o sector cultural no país reclama a súa volta e a diáspora defende o contrario. 

Acompañamos a reportaxe central cunha entrevista a Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra que acolle dúas exposicións do rianxeiro.

Na sección de Social afondamos nas alternativas educacionais que están a agromar na Galiza. Proxectos centrados na autoaprendizaxe, o respeito aos ritmos das crianzas e no contacto coa natureza. Aliás, falamos da iniciativa posta en andamento pola Deputación de Pontevedra, a primeira entidade en impulsar un proxecto formativo para profesionais na xestión do lixo

SG192En Política, entrevistamos o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane cuxo proxecto político, asegura, "pode sacar 40 mil votos nas galegas". Así mesmo, revisamos os acordos alcanzados pola militancia de Compromiso por Galicia na súa convención política apostando, entre outras cuestións, no mantemento dunha candidatura propia de cara aos comicios parlamentares de 2016. 

Nas páxinas de Internacional analizamos a situación na rexión do Donbass dous anos despois do golpe de Maidan e revisamos a outra face da maior filtración sobre o capitalismo offshore. Luces e sombras dos Panama Papers. 

Na sección de Traballo falamos das consecuencias que tiveron as reformas laborais de 2011 e 2012 na negociación colectiva, afastándoa da capacidade de decisión dos cadros de persoal e minguando a marxe para negociar convenios de sector na Galiza. 

Asemade, rematamos coa publicación da reflexión do economista Aleixo Vilas na Semana Galega de Filosofía arredor das consecuencias económicas da dependencia de Galiza. 

En Cultura falamos de Joam Faras, o galego na escuadra de Alvares Cabral e viaxamos ao Ecoespazo de Rexo onde arte e natureza se dan a man de maneira respectuosa. 

Todo isto e moito máis no número 192 do semanario. Á venda xa na nosa loxa e a partir da quinta feira nos puntos habituais. 

Máis en Só en papel
Comentarios