#Sermos191: a LOMCE, unha lei zombie

Neste número do semanario falamos desta lei na encrucillada actual, miramos a Galiza que vén demograficamente, entrevistamos Camilo Nogueira e Simón Casal (director de 'Lobos Sucios')... Á venda xa na nosa loxa. 

Chegamos ao número 191 do semanario, que desde esta quinta feira podes atopar nos quioscos e na nosa loxa. No Tema de Primeira debruzámonos sobre a LOMCE no actual contexto. Ningunha reforma educativa suscitou tanto rexeitamento como a LOMCE. A norma, que vai polo segundo ano de implantación, protagonizou a primeira proposición de lei da lexislatura, se ben vai ser imposíbel que complete a súa tramitación se non hai acordo de investidura antes do 2 de maio. 'LOMCE, coas horas contadas?'.

'A Galiza que vén, un pobo lonxevo'. As proxeccións e estudos demográficos prevén para o país unha poboación máis avellentada a medio e longo prazo. Porén, acostúmense, entramos nun novo réxime.

Na sección de análise Mari Fidalgo pregunta 'Quen parasita quen?'. A austerocracia imposta polas institucións financeiras está a dilatar as desigualdades sociais nas periferias endebedadas do Sur da Europa. Día a día vemos como as políticas económicas que se venderon como receita para a crise son un bucle perverso.

SG191Nogueira

Entrevistamos Camilo Nogueira, un dos nomes maiores do nacionalismo galego desde os anos 60 do pasado século. Acaba de ser distinguido co Premio Trasalba. “Ter a conciencia de que debemos ser o Partido Nacional da Galiza, como o SNP en Escocia”.

Após a falida experiencia do 20D -a primeira vez desde 1982 en que o BNG ía ás urnas sen as súas siglas- nas próximas galegas o Bloque voltará a ir co seu proprio nome nas papeletas. Un tema que tamén debullamos neste semanario, así como as eleccións de Podemos.

'Catalunya: preparando a desconexión'. O executivo de Junts pel Sí está a despregar as medidas necesarias para facer viábel a República catalá. Cóntanolo todo Silvio Falcón neste número do Sermos Galiza.

Os grupos terroristas optan, segundo as expertas, por un funcionamento cada vez máis descentralizado e por multiplicar accións violentas de menor dimensión pero de grande impacto. 'O novo terror global'.

No mundo hai entre 15.000 e 16.500 oxivas nucleares activas, na súa maioría en mans dos EUA e Rusia. A IV Cimeira de Seguridade Nuclear conclúe, deixando en evidencia a falla de avances no desarme e o inicio dunha nova carreira mundial de armamento. Europa e o sur de Asia son os puntos quentes cara a unha crise nuclear. Unha cuestión da que falamos en 'A ameaza dunha guerra nuclear é real'.

E máis

En ' O modelo 2.0 de explotación silenciosa' achegámonos aos 20.000 galeg@s aceptan ser fals@s autónom@s para teren traballo. Traballan con subordinación absoluta organizativa e económica a respeito da empresa á que prestan servizos. De facto, a súa é unha relación laboral de tipo asalariado embora se enmascare como “autónomo”. Mais ten el propio que pagar a súa Seguridade Social, non ten dereito a cobrar paro nin a vacacións pagas… Unha figura que se estendeu nos últimos anos.

Lobos sucios é a opera prima do director coruñés Simón Casal, que aproveita a descoñecida historia do volframio galego para crear un thriller no que Galiza acaba sendo protagonista da II Guerra Mundial. Falamos con el neste nº191. “Franco pagou a débeda de guerra de Gernika co Wolframio”.

En 'Fóra de Serie' atoparás todo e máis: consellos, achegas, gastronomía, moda, literatura, música... e un percorrido pola 'Penas das Rodas', que son dous grandes bolos de granito de mica negra de cinco metros de diámetro.

E Carme Vidal achéganos a Sira Alonso, 'A muller que escrebe a dor'. “Desde o día 29 de setembro eu era a viúva dun paseado”. Poucos documentos relatan con tanta intensidade a represión que se impuxo despois do golpe militar de 1936 coma os Diarios de Syra Alonso, compañeira do pintor Francisco Miguel, paseado no mes de setembro. Syra Alonso fuxiu cos seus tres pequenos fllos a México nun exilio do que xa nunca regresaría.

Na contra-capa, videoxogos en galego e conversas con sindicalistas nas conserveiras galegas. E, como non, non faltan as críticas Mario Regueira, Andrés Castro e Olga Brañas. E contamos coa pluma de Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Uxío-Breogán Diéguez e Iago Varela.

Máis en Só en papel
Comentarios