#sermos189: autoestrada galega, beneficio norteamericano

Máis un número xa ao teu dispor. O negocio da AP9, sinistralidade laboral na Galiza, entrevista Méndez Romeu, cervexas artesáns na Galiza, 60 anos de independencia de Tunisia (e conversa con Alba Rico), a viaxe secreta en 1951 da única comisaria política da guerrilla a Galiza... Xa na nosa loxa.

Máis un número de Sermos Galiza saído do forno da nosa redacción e que podes adquirir nos quioscos, librarías e na nosa loxa. O 'Tema de Primeira' analiza o “choio sen parangón” da AP9. Os últimos cálculos indican que os ingresos por peaxes da AP-9 xa case duplican o seu custo de construción. E aínda quedan outros 32 anos por diante. Audasa ingresa cada día 300.000 euros en peaxes. O fondo de investimento estadounidense Corsair Capital controla a autoestrada.

En 'A revolución craft na Galiza' achegámonos a algúns dos moitos proxectos que se espallan polo país arredor do malte. Ducias de empresas producen na Galiza cervexa artesá. En total suman 36 marcas distintas e infinitas variedades. Cervexa con boletus ou castaña feita con auga de Allariz, chile ou a clásica belga. No país das mil vides comezan a emerxer tamén o lúpulo e a cebada. Ora ben, “sen aditivos nen conservantes”.

En 'Reválidas, máis españolización e discriminación', o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, fala de como neste curso académico comezarán a aplicarse as reválidas en sexto de Primaria após iniciarse o pasado no terceiro curso. A comunidade educativa rexéitaas e advirte que son a antesala das que se executarán na ESO e o Bacharelato.

SG189O 12 de maio haberá novas mobilizacións en defensa da pública. Após o conflito xerado arredor do Hospital Álvaro Cunqueiro a ollada céntrase agora na situación que atinxe os outros dous centros públicos da cidade olívica: o Meixoeiro e o Xeral. SOS Sanidade Pública denuncia a súa infrautilización e abandono. 'Vigo, laboratorio para a privatización da sanidade'

“Galiza ten un problema moi forte de dependencia”

Entrevistamos a dupla páxina a Méndez Romeu, portavoz do PSdeG no Parlamento de Galiza. Desbótase na carreira por ser cartaz eleitoral e ten claro que o PSdeG debe reforzar o seu perfil propio perante a “esfera federal”. Si ve posíbel, embora non doado, unha alternativa plural ao goberno de Feijóo. “Temos un problema moi forte de dependencia. Un problema de estar na periferia. Na periferia de España e na periferia de Europa”.

A destitución de Sergio Pascual como secretario de Organización e o longo silencio posterior de Íñigo Errejón levaron á tona as tensións larvadas no seo de Podemos. O problema non é só organizativo, atinxe á dimensión estratéxica. do proxecto. Abordamos este tema en 'Os dous Podemos posíbeis deixan ver as súas tensións'.

En 'Obama en Cuba, o cambio do pau pola cenoria' falamos da visita de Barack Obama, o primeiro presidente norteamericano en exercicio que pisa a illa en 88 anos, que se salda sen resultados nin acordos concretos para alén de reiterar a disposición das dúas partes de avanzaren na normalización de relacións. A normalización das relacións coa illa é a aposta internacional coa que o demócrata quere despedirse da presidencia.

Alba Rico sobre Tunisia: “Nunca se rompeu de todo o xugo colonial”

Tunisia celebra os 60 anos da súa independencia. A que foi a segunda colonia africana en se independizar de Francia fica sometida a unha forte dependencia exterior que fana a súa soberanía. Falamos disto en 'Tunisia inda quere ser un país libre'. Unha reportaxe na que conversamos co filósofo Santiago Alba Rico, que mora nese país desde 1998. “Se hai un obstáculo para o desenvolvemento democrático e soberano no mundo árabe, non é o Islam, senón a islamofobia que impide o acordo coas forzas progresistas islamistas”.

O Tribunal de Xustiza Europeo condenou até en tres ocasión o Reino de España por incumprimentos ou por non traspoñer á lexislación interna directrices europeas no ámbito da saúde e seguridade laboral. Lémbranolo o departamento de Dereito do Traballo da Universidade da Coruña. Tanto por número de condenas como por directivas conculcadas, o Estado español está no podio de incumprimentos. Mesmo ten o ‘privilexio’ de ser o primeiro Estado condenado polo Tribunal por estes temas. Perante unha resistencia tal a cumprir en materia de seguridade laboral, non debería sorprender que nos atopemos nunha realidade tan preocupante. Un total de 335 traballadores mortos e 2.775 feridos graves na Galiza desde 2010. E suma e segue. Debruzámonos nesta cuestión en ' Sinistralidade laboral: a traxedia rutineira.

O turismo é un sector chave nunha economía terciariazada. Tamén na Galiza. Algo que contan en 'Turismo, cada vez máis peso'.

E en 'Fóra de Serie' Freixeiro Mato fálanos de 'Lermos Manuel María no Día do Libro', e Olaia Ledo cóntanos do fime 'Lobos sucios'. Na crítica literaria Mario Regueira debulla 'Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da policía sexual', de Antón Fernández de Rota, editado pola rianxeira Axóuxere. O noso crítico de cinema, Andrés Castro aproveita o centenario do nacemento de Gregory Peck para escribir sobre 'O mundo nas súas mans' (The World in His Arms), unha das obras máis senlleiras do actor, un memorábel filme romántico e de aventuras.

As mulleres, o 40% da guerrilla galega

Un informe do PCE ao que Sermos Galiza puido acceder –e descoñecido até o momento– revela unha viaxe relampo a Galiza de Marita Gallego, a única comisaria política da guerrila en 1951 para avaliar a situación da resistencia do partido en Ferrolterra, que viña de sufrir un importante – posibelmente definitivo– golpe por parte da Garda Civil franquista. Unha parte da nosa memoria que recuperamos en 'A viaxe secreta de Marita Gallego a Galiza'.

E Antón Riveiro Coello cóntanos da súa novela en 'Os elefantes de Sokúrov, unha novela do presente'.

O deseñador Pepe Barro fálanos das navallas de Taramundi, que cun deseño popular, mostra as mesmas ideas que empregan os máis requintados ateliers de deseño de Londres ou da Coruña, poño por caso.

En 'andar e ver' imos até Toxosoutos da man do Colectivo Xea, centrándonos desta volta nas súas fervenzas. O mosteiro de Toxosoutos foi fundado no século XII e co paso do tempo chegou a ter grandes posesións e predominio en toda a contorna. Foi abandonado no século XIX, coa desamortización.

E temos máis unha entrega do calendario de Xan G Muras, a correspondente ao mes de abril, que comeza esta sexta feira.

E na contra-capa, contamos da viaxe até Sálvora, na boca da Ría de Arousa, para combater especies invasoras. E no selfie-entrevista, Rocío Barrio, co-presentadora de Luar e actriz en 'Urxencia Cero'.  

Máis en Só en papel
Comentarios