#sermos187: unha ameaza chamada gas radón

Máis un número do semanario xa na rúa e na nosa loxa. O radón, a segunda causa de cancro de pulmón tras o tabaco; a acollida para mulleres en situación de violencia machista, a conflitividade laboral na Galiza, entrevistas Breogán Riobóo e Fermin Muguruza...  

Xa saiu do forno un novo número do semanario Sermos Galiza, o 187. En 'Radón, o inimigo invisíbel' achegámonos a un gas que é a segunda causa de cancro de pulmón tras o tabaco. E o subsolo granítico da Galiza é clave para entener as altas concentracións de radón que hai no noso país. A denuncia a respeito de casos de cancro no Campus de Elviña da UDC volveu situar na palestra o problema que comporta a elevada presenza de radón en boa parte dos edificios do país. Mais esta realidade, que se coñece desde os anos 80, non é nova. Tampouco o é o desleixo das administracións á hora de pórlle freo con medidas concretas.

Galiza conta cunha rede de sete vivendas máis un centro de emerxencia e un de recuperación integral. A práctica totalidade están xeridos polos concellos coa participación da Xunta. Falamos disto en 'A acollida para mulleres en situación de violencia machista'.

Producir e comercializar aceite de camelia xa se perfila como unha posibilidade empresarial real, tras as investigacións realizadas na Estación Fitopatolóxica do Areeiro nos últimos anos. Falamos dun aceite moi demandado como base de produtos cosméticos que se obtén das sementes da Camellia oleifera por prensado en frío. Contásmocho en 'Camelia, cultivo alternativo'.

187“Eu non demitín nen tiña por que demitir”

Entrevistamos Breogán Riobóo, primeiro secretario xeral de Podemos Galiza, e que se presenta ás primarias para liderar a organización no noso país. Cre que neste momento a secretaría xeral non se debía pór en xogo. Estase a forzar a legalidade de Podemos, argumenta. “Sobre a Galiza debemos decidir aquí”, di face as presións do aparato central do seu partido.

O BNG retoma a andaina, finalizada a XV Asemblea Nacional, para activar a refundación dun proxecto, o nacionalista, que quer ser, en palabras de Ana Pontón, “máis amplo, participativo e aberto”. E facelo mentres á vez que se prepara para facer fronte a unhas eleccións claves. Debullamos as chaves neste número do semanario.

O PSdeG atravesa unha situación límite após unha nova fronte xudicial obrigar o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, a perpetrar unha retirada táctica. Tan táctica que só renuncia ás primarias, mais non á secretaría xeral. Segundo soubo Sermos Galiza, o PSdeG manexa un inquérito que apenas lle dá 11 actas no Pazo do Hórreo. Neste #sermos187 informámosche desta cuestión.

'Francia irá á folga contra a reforma laboral'. Medio millón de estudantes e traballadoras rexeitaron a semana pasada a reforma do código de traballo impulsada polo gobernante Partido Socialista e contra a que oito sindicatos xa promoven a convocatoria de folga xeral. A primeira desde 2010.

Entrevistamos Goretti Pina, da Ilha do Príncipe. Desenhadora, escritora, professora, advogada, criminóloga. Navega da moda à escrita e da escrita à moda, paixões surdidas quase a um tempo. Inspirase nas pessoas e nas paisagens para, transformada a inspiração em obra, conquistar as pessoas com suas criações.

Fukushima, o Chernobil a cámara lenta prosegue

Cancro infantil, suicidios, territorios inhabitábeis e un medio natural que tardará décadas en se recuperar son as consecuencias palpábeis da fusión dos núcleos dos reactores da central de Daiichi. Fukushima, fanse cinco anos do desastre nuclear que fica lonxe de estar superado.

Desde o inicio da crise na Galiza rexistráronse máis de 700 greves, paros que atinxiron perto de 3.000 centros de traballo. Un nivel de confronto sen comparanza no Estado español. A conflitividade laboral nestes cinco anos non se constrinxiu nos límites de sectores tradicionais da loita sindical, como o industrial ou servizos públicos, senón que se estendeu tamén no sector primario e no precariado. A Galiza máis conflitiva é, tamén, por veces, a máis descoñecidam da que che falamos en 'A Galiza conflitiva'.

En 'A industria da conserva en Galicia' achegámonos a un sector chave. Somos o principal produtor industrial e transformador de conservas na UE.

“A nostalxia é unha enfermidade difícil de curar”

Triunfou aos 20 con Kortatu e seguiuno facendo aos 30 con Negu Gorriak. O irmán do medio da saga irunesa dos Muguruza segue a amosar unha incríbel capacidade de reinvención, que o leva a ser xa un respectado director de documentarios, ademais de guionista de BD, actor... Entrevistamos o Fermín. “Na época de Negu Gorriak tiñamos moita relación con grupos galegos: Xenreira, Diplomáticos… ás veces boto de menos esa efervescencia, esa conexión que soubemos crear”, confésanos na conversa.

Na nosa crítica literaria, Mario Regueira fálanos de 'Os elefantes de Sokúrov', de Antón Riveiro Coello. E Olalla Ledo fálanos de 'Apontamentos para un filme, de Mardarida Ledo. O crítico de cinema, Andrés Castro, opina sobre 'Diario dunha moza adolescente' (The Diary of a Teenage Girl), de Marielle Heller. E na sección de moda, Lola Dopico fálanos da deseñadora Sheila Pazos. Na sección Fóra de Serie, a axenda, os consellos, viños e gastronomía... En andar e ver visitamos o monte do Castro, en Vigo.

O historiador Uxío-Breogán Diéguez fala na súa columna da da Revolta irlandesa de 1916 e Iago Varela cóntanos que “a realidade virtual chega con forza neste 2016, con moitas propostas sobre a mesa para somerxernos nun mundo paralelo ao que vivimos”.

María Casares: exilio, teatro e outras desordes

Entre o monte de cabodanos ilustres a conmemorar en 2016 atopámonos cos 20 anos da morte de María Casares en Francia. Aínda que fúnebre, boa oportunidade para celebrar a vida da enorme actriz nacida na Coruña en 1922. 'María Casares: exilio, teatro e outras desordes'.

E na contra-capa, o selfie.entrevista con O Leo, e o libro 'Tattos da Galiza'.

Máis en Só en papel
Comentarios