#sermos186: Grandes empresas lúcranse con aparcadoiros en espazos públicos

Máis un número do semanario na rúa e ben completiño. Entrevistas a Martiño Noriega, Suso Seixo, achegámonos a Estados Unidos, onde están a abrollar os estudos galegos... Todo isto e máis, neste número, xa na nosa loxa.

Hospitais, aeroportos, estacións de tren, centros de especialidades... Servizos con malas conexións de transporte urbano e sen espazos libres para estacionar, convertidos en trampas de pago para as usuarias. Hai grandes empresas a lucrarse con aparcadoiros en espazos públicos. Unha cuestión que debullamos en 'Un negocio privado: aparcar mal ou pagar'. O aparcadoiro dos tres aeroportos galegos recaeu na empresa ‘Empark Aparcamientos y Servicios’, que xestiona outras 15 terminais do Estado. As prazas das estacións de ferrocarril están controladas pola firma ‘Saba’, participada pola La Caixa e unha escisión da multinacional Abertis.

En 'O suicidio, entre o tabú e a desprotección', falamos de como Galiza lidera a nivel estatal a taxa de suicidio mais non conta cun plan de prevención para atallar esta realidade nen con recursos para lle prestar unha atención acaída ás persoas afectadas. O Sergas conta con 91 profesionais de Psicoloxía Clínica en todo o país, o que representa unha ratio de apenas 3,34 por cada 100 mil habitantes. Aliás, os recortes poñen en xaque a atención pola sobre carga do servizo como consecuencia da crise económica.

SG186Xurdiu como iniciativa no inverno de 2014. Através de diversas xornadas de convivio e debate, achegan as súas iniciativas desde a diversidade mais cun obxectivo común tecer rede para mudar o rural. Ora ben, facendo bandeira da ruralidade. É O Rural Quere Xente, unha iniciativa de base. Falamos dela en 'Revitalizar o rural tecendo rede'.

“As maiores reticencias do PSOE danse en Santiago”

Entrevistamos Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela. “Atopámonos cun concello moi deteriorado no funcionamento interno, moi neurotizado pola xudicialización deses catro anos e se a todo iso lle sumas unhas grandes resistencias en determinados sectores da cidade a asumir os resultados eleitorais e tamén lle sumas que esta era unha candidatura cidadá onde a única persoa que tiña experiencia na administración local era eu -o resto era xente solvente de diferentes profisións, mais sen experiencia institucional- pois o resultado é que foron oito meses duros dos que eu agardo que podamos quitar froitos nos vindeiros meses e anos, en resultados e traballo. Foron intensos e complexos”.

“O xefe é o rei”

Avanzamos un capítulo do libro de Manuel Monge sobre a monarquía. Unha trama corrupta: o desvío de fondos públicos por valor de 4,5 millóns de euros salpica a monarquía. As responsabilidades atinxen Cristina de Borbón, mais ninguén dubida de que Juan Carlos I safará.

En 'O lulismo, na súa hora máis crítica ' falamos da crise política aberta no Brasil ameaza con poñer fin ás políticas progresistas aplicadas polo PT. A revolución bolivariana acusa a marcha do seu líder en medio dunha crise política e económica e baixo a ameaza do imperialismo. Debullámolo en 'Tres anos sen Chávez'. E en 'Otegi devolve o sorriso á esquerda abertzale' abordamos o punto de inflexión que marca a saída de prisión do líder de abertzale, unha saída que se produce ás portas das eleccións vascas.

“A clase traballadora xógase moito en que este país teña ou non soberanía”

Entrevistamos Suso Seixo, secretario xeral da CIG. Falamos con el ás portas do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, de crise e de recortes, de sindicalismo, negociación colectiva ou pacto social. Tamén da Galiza, de nacionalismo, de soberanía como máis que un dereito. Doutro modelo social e económico nas antípodas do que sufrimos. “O modelo actual é suicida”, conclúe

Na análise 'Renda agraria' analizamos como coa crise a renda agraria real galega reduciuse un 14%. A estatal, apenas un 4%. A renda agraria por ocupado sitúase en Galiza en 15.266 euros, o 65,6% da media española.

Neste momento hai en funcionamento cinco cátedras e 31 centros de estudos galegos no exterior, repartidos por Europa e América. E, aínda que hai un devalo no galicianismo no Reino Unido, que viviu tempos mellores, o estudo da nosa cultura medra nos Estados Unidos sen apoio institucional, onde o galego entrou hai pouco na Modern Language Association (MLA), a maior asociación internacional de linguas e culturas. Contámoscho en 'Os estudos galegos abrollan en Estados Unidos'.

Temos, como non, as nosas criticas de literatura (Mario Regueira), cinema (Andrés Castro) e Manuel Xestoso fálanos da 'refundación' do Centro dramático galego. E temos 'Fóra de Serie', con axenda, consellos, recomendacións... E en 'Andar e ver' percorremos a rota do Ouro, polo camiño real de Ribas de Sil.

Da man de Felipe Senén coñecemos as historias da historia dos camiños de ferro que unen a meseta con Galiza. “15.000 traballadores sobre os camiños de ferro, a explotación integral, os paros, a incerteza, a silicose que tortura vidas e conseguintemente a resposta, o movemento obreiro”.

E na contra-capa. 'Somos Paisaxe' en A Contracorrente, e a selfie-entrevista a SES. “

Máis en Só en papel
Comentarios