#Sermos184: cando a saúde é un negocio

Galiza é o terceiro territorio do Estado con maior grao de privatización sanitaria. Neste número explicamos como e por que se chegou a esta realidade. Tamén falamos da mobilización do mar para este 27F, da XV AN do Bloque, entrevistamos Francisco Castro... e moito máis. Xa na loxa

Máis un número do Sermos Galiza saído do forno. O Tema de Primeira adicámolo á sanidade. Galiza é o terceiro territorio do Estado con maior grao de privatización sanitaria. A volta do Partido Popular á Xunta de Galiza en 2009 encetou un modelo sanitario baseado nos concertos económicos, na externalización de servizos e no financiamento público-privado, un sistema que foi acompañado de fortes recortes en investimento e persoal que ameazan, segundo denuncian de forma unánime os axentes sociais, o presente e o futuro da sanidade galega. Unha cuestión que debullamos en 'Sanidade concertada, a sanidade paralela'.

Só doce de cada cen abortos no Estado español se practican na pública por falta de profesionais. Ningún dos hospitais galegos conta con matronas nas áreas de Xinecoloxía nas que se rexistran as interrupcións de embarazos a partir da novena semana. Tratamos isto na reportaxe 'Abortar no segundo trimestre de xestación'.

En 'O profesorado no punto de mira', o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, debulla os recortes en persoal por parte da Consellaría de Educación. O sindicato vén de desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas contra “os ataques” que recibe o profesorado.

Entrevistamos Cristina Palacios, presidenta de Arelas. “A sociedade ten que educarse no respeito á diversidade". Cristina é a nai da primeira menor transexual en conseguir o recoñecemento da súa identidade por vía xudicial.

SG184'Unha Asemblea moi participativa'

En 'Unha Asemblea moi participativa' debullamos a cita que ten o BNG na súa XV AN. Un encontro que promete ser histórico por moitas razóns, entre elas porque presumibelmente elixirá como portavoz nacional a unha muller.

Publicamos neste número unha análise do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz sobre a necesaria reforma da lei eleitoral. “É chave superar un modelo con orixe nunha lei fundamental do franquismo”, afirma.

Internacional

'Rusia peta na mesa dunha orde mundial en crise' é o título dun dos temas que propoñemos na sección de Internacional deste número. Os conflitos en Siria e Ucraína, o terrorismo internacional e a crise das refuxiadas foron os principais temas en axenda na Conferencia de seguridade de Munich. Achegamos tamén unha análise de Iuri Domènech sobre a vaga de protestos nunha Grecia gobernada por Syriza.

Cinco anos após da revolta que no marco da chamada primavera árabe provocou a renuncia do presidente Ali Abdullah Saleh, o Iemen é escenario dunha guerra civil de alcance xeoestratéxico. Un conflito ignorado e silenciado, malia ter provocado --só desde marzo de 2015-- o éxodo de 2 millóns de refuxiadas e 10.000 vítimas mortais. En 'A guerra ignorada no inverno árabe' tentamos deitar luz sobre este conflito.

En 'A indignación prendeu no mar da Galiza' analizamos como o proxecto de Lei de Acuicultura foi a pinga que fixo rebordar o vaso do malestar e o desacordo dos sectores do mar da Galiza cunha Xunta que, manteñen os seus representantes, por acción ou por omisión non os defende. As políticas destes anos da Consellaría do Mar traducíronse en perda de empregos, recortes da frota e na aposta en substituír o modelo produtivo tradicional e sostíbel por outro ‘industrial’ e ‘intensivo’.

E en análise achegamos 'Impacto da crise nos hábitos alimentares', do Foro económico galego. Antes da crise económica iniciada en 2008 o crecemento do PIB traducíase en incrementos importantes de consumo dos fogares Consecuencias desiguais sobre o consumo nos fogares galegos.

“Eu fun vítima do amor romántico”

Entrevistamos o escritor Francisco Castro, que vén de publicar unha nova novela. E van catorce. Amor é unha palabra coma outra calquera é un alegato contra o amor romántico, contra o papel da muller nas parellas tradicionais, contra as convencións sociais que nos afogan.

Máis un número, neste novo deseño incluimos 'Fóra de serie', onde viaxamos até 'A Cántara da Moura', mergullámonos no turismo terapéutico na Costa da Morte ou coñecemos conservas do país para gozar desgutando en lata. E incluímos unha nova entrega do calendario de Xan G. Muras.

Na contra-capa, selfie-entrevista a Kiko Novoa, director do 'Galicia por Diante', que emite a Radio Galega; e en 'A Contracorrente' batemos con Malandrómeda. Rachan cinco anos de silenzo con dous novos traballos.

Máis en Só en papel
Comentarios