#sermos183: o secuestro de Castelao e Rosalía

O Panteón de galegos ilustres, un espazo simbólico en mans da Igrexa e oculto para o público en xeral. O tema no que afondamos neste Sermos183. E, ademais, olladas galegas desde Lesbos, a ameaza dunha nova recesión chama á porta, actualidade política, internacional, lusofonía... e moito máis. Eis na nosa loxa.

Sen status legal, sen visibilidade e sen máis que os mínimos coidados sobrevive o Panteón de Galegos. Con motivo do próximo Día de Rosalía analizamos a situación de parálise derivada da propiedade do ben por parte da Igrexa. Unha reportaxe a fondo sobre un símbolo nacional esquecido polas institucións. 'O Panteón de galegos ilustres, sumido no desleixo'.

En 'Roupa made in Galiza' falamos de diversos proxectos que pulan pola produción de roupa de maneira responsábel nun país que coñece as consecuencias do modelo 'low-cost'. A partir de materias primas ecolóxicas ou mesmo materiais reutilizábeis, Galiza amosa a súa potencialidade no terreo do deseño e da confección téxtil.

Endesa desatende queixas por estaren presentadas en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou unha campaña para denunciar o acontecido e lembrar a lexislación lingüística incumprida. Contámoscho en 'O espolio de Endesa non vale unha palabra en galego'.

A crise de persoas refuxiadas da man de dúas persoas que a coñecen de primeira man

'Olladas galegas desde Lesbos'. Debruzámonos sobre a crise de persoas refuxiadas da man de dúas persoas que a coñecen de primeira man. O profesor da UDC, Alfonso Mascuñana, voluntario en Lesbos, e o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón que viaxou coa súa cámara non só por Grecia senón tamén Macedonia.

SG183Neste número a actualidade política volve ter un papel de referencia. “A chave para a investidura non é Pablo Iglesias. A chave é Rajoy”, afirman a Sermos fontes do PP. O presidente do goberno en funcións resístese a facilitar un executivo de coligazón entre o PSOE e Cs. Falamos disto en 'Rajoy non se fai a un lado'. Tamén debullamos o documento de Podemos-En Comú-En Marea para un pacto co PSOE, e explicamos cales son os dilemos de Pablo Iglesias para gobernar.

Primeiro capítulo da refundación do BNG

'Alta participación e moito debate nas asembleas comarcais do BNG'. Eis o título da crónica sobre o primeiro capítulo da Refundación do BNG, que estes días escrebiron as 1.500 persoas que participaron nas asembleas comarcais da organización. Un total de 146 nomes foron propostos para facer parte do Consello Nacional da organización

En Internacional, imos até EUA. O socialdemócrata Bernie Sanders obriga Hillary Clinton a abandonar o centrismo e Donald Trump revoluciona as filas republicanas cun discurso reaccionario e fortemente populista. 'Unhas primarias moi abertas radicalizan os discursos republicano e demócrata'.

Tamén nesta sección, Arxentina. A chegada do dereitista Mauricio Macri á Presidencia de Arxentina puxo fin a doce anos de gobernos progresistas liderados polos Kirchner. O politólogo Julio Gambina debulla as consecuencias desa mudanza, a partir das primeiras medidas adoptadas.

O peor comezo de ano nas bolsas europeas, as luces vermellas sobre o ‘intocábel’ Deutsche Bank, as dúbidas sobre a China, o feble medre europeo, os tambores de recesión nos EUA, o baixo prezo do cru, as dificultades das economías emerxentes… moitos son os factores que ensamblan para dar paso a unha “treboada perfecta”. Rosa Duce, economista do banco alemán, defíneo nunha palabra: pánico. Analizamos este tema en 'A gran recesión 3.0 chama á porta'.

E publicamos un fragmento de 'A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza', traballo de Xoán Doldán no que, desde unha perspectiva afouta e nada complaciente co pensar maioritario, explica a necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza. “É urxente, mesmo cando o tránsito será accidentado e a un ritmo lento”. Escrebe.

'Lusofonía, um conceito a debate'

'Lusofonía, um conceito a debate'. De 1 a 3 de fevereiro passados teve lugar na cidade da Praia o VI encontro de escritores da União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa (UCCLA) e nos debates posteriores aos seminários ou em declarações dos assistentes surdiu mais uma vez uma questão que não é nova. Essa questão é: existe uma comunidade lusófona? Se existir, em que termos devemos defini-la?

Non falta neste número a crítica literaria de Mario Regueira, a de cinema, de Andrés Castro, ou a sección de Lola Dopico. Ademais, a axenda e todas as sección de Fóra de Serie: viños, astronomía, viaxes... E as columnas de Iago Varela e Uxío-Breogán Diéguez. E as de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez.

'Magnolias para Amalia'. O 10 de febreiro Pontevedra estreaba o parque Amalia Álvarez con música e arrecendo a magnolias. Pechábase un ciclo que comezou o 11 de decembro de 1999, cando unha emocionada Amalia recibiu do alcalde Lores a medalla de ouro da cidade e o título de fillo adoptivo, concedidos a Alexandre Bóveda a título póstumo.

Na selfie-entrevista abordamos Bea Hervella e en 'A contracorrente' paramos, pampos, diante dos pequenos paraísos dos que tanto gostaba Urbano Lugrís.

Máis en Só en papel
Comentarios