#Sermos182: As mortes do amianto e o acoso escolar

Máis un semanario na rúa, con completas reportaxes ('Amianto, asasino de mulleres), reportaxes sobre a violencia nas aulas, os máis traducidos da literatura galega, os negocios de Florentino Pérez en Galiza, a estrea de Arrenégote Demo, a columna de Antón Losada... e moito máis. Á venda xa. 

Máis un número do Sermos Galiza saído do forno coa súa nova pel. 40 páxinas completas de información en galego. Neste 182, o Tema de Primeira é 'As vítimas colaterais do amianto', as mulleres de ex traballadores do naval. “Están a enfermar mulleres que lavaban os buzos dos seus homes”. Unha completa reportaxe na que entrevistamos o médico Carlos Piñeiro, un dos primeiros en se embarcar, canda os afectados, na longa batalla por diagnosticar e pór en marcha un plan de seguimento que hoxe xa ten chegado a máis de 7.000 persoas. 

Estreamos a columna de Antón Losada e entrevistamos o médico Carlos Piñeiro sobre as mortes por amianto

En 'Violencia entre iguais nas aulas' tratamos o acoso escolar, a escola como transmisora de valores emocionais. O suicidio dun estudante de 11 anos en Madrid, Diego, e dun adolescente transexual en Barcelona, Alan, puxo riba da mesa o debate sobre a violencia nos centros educativos. Aquela que se desenvolve entre o estudantado e que moitas veces fica lonxe da ollada de familias e ensinantes. Existe en realidade ou é unha alarma social? Como previr que se produza?

Entre o 1 de abril e o 10 de xuño, o Museo de Pontevedra ofrecerá a oportunidade histórica de ver reunidos arredor dunha ducia dos cadros de gran formato de Castelao, practicamente a totalidade dos que se conservan, nunha exposición que abordará os inicios da súa traxectoria como artista plástico. Na reportaxe 'Castelao, en óleo', descubrimos e adentrámonos na obra plástica menos coñecida do rianxeiro.

SG182

Con Feijóo non hai terceira vía

O desprazamento de Rueda a Pontevedra convida a pensar que o líder do PP competirá outravolta pola Xunta. Unha hipótese que debullamos en 'Feijóo, abandonar ou repetir'. Non hai terceira vía no horizonte de Feijóo. A fuxida a Madrid leva a ningures. Feijóo non ten apoios para un eventual relevo de Rajoy. As súas amizades perigosas -as fotos con Marcial Dorado e Pachi Lucas- inhabilítano.

Tamén falamos neste número da crise de Podemos Galiza, que estoupou cunha dirección estatal a querer tomar as rendas do partido no noso país. Mais Breogán Riobóo négase a deixar o cargo. 'Retórica plurinacional, práctica centralista' é o título desta crónica política.

Entrevistamos X. Bascuas, secretario xeral de Compromiso por Galicia.“Nas eleccións galegas pode darse a unión que non foi posíbel nas xerais”, afirma. Conversamos con el de pactos, nacionalismo ou o evoluir de CxG nestes catro anos de vida.

Internacional

A fin das sancións contra Teherán, como contrapartida ao acordo para a suspensión do seu programa nuclear, abre importantes oportunidades para a nación persa no plano económico e xeoestratéxico. O maior país xiíta aspira a ter un papel relevante na política internacional. Cuestións nas que nos debruzamos neste número.

Unha dupla páxina sobre a resistencia curda da man de Ana Miranda

Ana Miranda achéganos unha completa análise sobre a resistencia curda. Desde 1984, unha destrutiva guerra do Estado turco contra o pobo curdo provocou tres millóns de persoas desprazadas e refuxiadas. Outras viven en vilas destruídas. É unha guerra contra o desexo de libre determinación curdo, contra a lingua e a cultura, con torturas sistemáticas, desaparicións, prisión arbitraria, cadeas de menores e abusos sexuais. Trátase dunha vulneración completa dos Dereitos Humanos.

Un emperador na Galiza

Obra pública, enerxía, limpeza, naval, xestión de residuos, dependencia… nada se escapa á rede de firmas e filiais que operan no noso país e que alicerzan o inmenso negocio do presidente do Real Madrid na Galiza. Falamos do gran negocio que Florentino Pérez fai no noso país.

En análise, Manuel Monge escrebe 'A ecuación posíbel: menos traballo e creación de emprego'. O goberno de Rajoy presentaba os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2015 como un éxito da súa política económica. É todo pura propaganda, sinala o autor, porque unha análise dos datos permite descubrir que detrás dunha aparente creación de emprego hai, realmente, menos traballo e máis precario.

'Os máis traducidos da literatura galega'

'Os máis traducidos da literatura galega'. Agustín Fernández Paz e Manuel Rivas son os buques insignia da literatura galega no exterior. Eles son os autores en galego máis traducidos a outras linguas, o primeiro en literatura infantil e xuvenil (LIX) e o segundo en libros para adultos. E a obra máis traducida é O lapis do carpinteiro, que xa superou outro best-seller das nosas letras, o Memorias dun neno labrego.

Fernández Paz e Manuel Rivas, as persoas máis traducidas da literatura galega

E a crónica de libros, a crítica teatral, a completa axenda con suxestións e recomendacións... En 'andar e ver' imos co colectivo Xea do Avia ao Arnoia pola beira do Miño. O arqueólogo e museólogo Felipe Senén escrebe 'Campos da feira'. “A unha tribo, a un pobo cómprenlle espazos abertos, amplos, nos que atoparse coa natureza e onde expresarse, cantar, mostrar, ofrecer e mover a súa economía. Campas que se irán coutando por pendellos, mesmo por mesóns que collerán sona polo seu receitario gastronómico tradicional e pola fartura”.

E na contra-capa. A selfie-entrevista tócalle desta volta a Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. E en 'Contracorrente' deitamos os ollos no patrimonio e memoria dos Ancares que esvaece por desleixo e abandono.

Máis en Só en papel
Comentarios