#sermos180: unha asemblea para reactualizar o nacionalismo

Falamos da asemblea crucial que o BNG ten o 28 de febreiro, das outras formas de transformar o leite, do mito da dependencia económica galega de España, entrevistamos ás rapazas de Agoraphobia, Álex López -futbolista galego nun club senlleiro inglés-.... todo isto e máis, á venda na nosa loxa

SG180_01

A XV Asemblea Nacional do BNG, a se realizar o 28F, é formalmente ordinaria, mais na práctica vai ser unha reunión crucial para dilucidar o futuro a curto e meio prazo do maior referente do nacionalismo político galego. Tratamos o tema en 'BNG, rumo a unha asemblea crucial'.

O Estado recada no país un mínimo de 12.083 millóns de euros en impostos, mentres que a Xunta ten un orzamento que non chega aos 8.600. Debullamos cifras e dados para explicar 'Galiza-España: o mito da dependencia económica'.

O maxistrado do 'Caso Alvia' rexeitou os 11 recursos presentados contra o auto que puña punto e final á investigación do accidente de Angrois co maquinista como único imputado. Os colectivos de vítimas falan de "insulto á intelixencia". En 'As vítimas temen un peche 'en falso' do principal sinistro ferroviario da Galiza' abordamos esta cuestión.

'En Marea asume as estratexias de Podemos'. A coligazón galega renuncia a rexistar o grupo parlamentar para non entorpecer os movimentos tácticos ditados pola liña centrista de Íñigo Errejón. Outra das pezas que podes ler neste número na sección de Política de Sermos Galiza.

Malia a crise do sector lácteo, principalmente motivada polos baixos prezos en orixe, diversos proxectos apostan no futuro do leite como recurso pulando pola transformación desta materia prima en produtos derivados que lle outorgan valor engadido. Trátase de proxectos locais que adquiren un carácter integral. Falamos coa Granxa O Cancelo, Arqueixal e Gugur. E contámoscho en 'Outra forma de transformar o leite'.

“Galiza deixou de ser un país rural para se configurar como un país urbano”

Rubén Lois, doutor en Xeografía, fálanos de 'A Galicia urbana', un libro que representa unha achega esencial para entender o territorio da Galiza hoxe en día. “Galiza deixou de ser un país rural para se configurar como un país urbano”. O historiador Xosé Estévez é a firma que colabora en 'Pensamento' con “España, nun tris”: “A historia de España sempre se balanceou nunha antinómica dialéctica entre peche e apertura, algo que xa percibiu Cervantes”.

En Èuskal Herria enceta o debate sobre como vai ser o seu futuro' explicamos que a 'Ponencia de autogoberno' no Parlamento vasco permite visibilizar os proxectos das diferentes forzas do taboeiro político a respeito do modelo de país.

"Eu son dos que prefire vivir a experiencia e non quedar coas ganas"

Entrevistamos Álex López (Ferrol, 1988), xogador do Sheffield Wednesday - un dos clubes máis senlleiros, foi fundado no ano 1867, nada menos- cedido polo Celta. "Eu son dos que prefire vivir a experiencia e non quedar coas ganas".

O colectivo Xea lévamos desta volta en Viaxes na Miña Terra polos cemiterios da Terra Chá. “Nas nosas viaxes pola Terra Cha sempre nos chamaron a atención os seus cemiterios nos que elegantes torres de pedra, que acollen ata cinco ou seis nichos en altura, aparecen rematados por curiosas e fermosas torres, pináculos e celosías, de formas que recordan ao estilo gótico (neogótico) con todas as variantes imaxinables”.

Agoraphobia son a sensación musical do momento. Chámanse Susana, Paula, Lucía, Sabela e Aislinn. Cinco rapazas de Boiro que xa levan dous EPs publicados e afrontan este 2016 cunha xira por todo o Estado e unha nova actuación no festival The South by SouthWest de Austin (Texas). Entrevistámolas neste número do semanario, onde nos confesan que "tocamos en cada concerto como se fora o último".

Incomparábel macasar e antimacasar imprescindíbel

En 'Lusofonía' Xoán Costa fálanos de como “de todos os produtos utilizados para arranxar e fixar o cabelo o aceite de macasar foi o máis popular”. “Na literatura, na imprensa podemos documentar facilmente a popularidade deste produto. Faino Lord Byron, no seu Don Juan cando advirte que “ en virtude, nada desta terra a podía superar; aforra o teu aceite incomparábel, Macassar!”.

E detémonos nos instrumentos musicais na tradición galega para aprender nunha reportaxe que “o canto e a percusión eran cousas de mulleres”. Na contra-capa coñecemos o proxecto EWA, aposta na arte urbana e a poesía contra o gris das cidades.

Na sección de traballo, contamos que o persoal de Linorsa estenderá as protestas ás distintas concesións públicas para esixir o pago dos soldos e das extras pendentes

Máis en Só en papel
Comentarios