#sermos178: a incesante violencia machista

Un novo número do semanario: entrevistamos o cociñeiro André Arzúa e R. Somoza, director da Orquestra Jazz de Galiza, analizamos unha Lei de Acuicultura que xenera oposición frontal no sector do mar, falamos da recuperación que os datos negan e detémonos no home que en 1946 rescatou a casa de Rosalía. Xa á venda na nosa loxa

capa

No 2015 foron asasinadas 7 mulleres mentres que perto de 4 mil denunciaron só nos primeiros nove meses do ano. “Para acceder ás subvencións de prevención a Xunta exixe un mínimo de 10 mulleres en situación de violencia machista”. Falamos do tema en 'Mulleres desprotexidas perante a violencia machista”, unha reportaxe a dupla páxina que se complementa co artigo “As mulleres non morremos... somos asasinadas!”, de Acción Feminista da Coruña.

En 'Ferrol, a cidade minguante' tratamos de como este concello perdeu case 14.000 habitantes nas dúas últimas décadas. A idade media dos ferroláns é 45 anos, polos 49,5 das ferrolás. En Galiza, as cifras son 44,3, homes, e 47,5, mulleres.

Sen tregua para as formacións políticas, que aínda non teñen designado os cabezas de lista nun taboleiro fortemente abalado polo 20D. Non hai ningún inquérito que dea neste momento maioría absoluta ao Partido Popular de Feijóo e, portanto, existe marxe para a formación dunha alternativa. '2016, o ano das eleccións galegas xa está aquí'.

Cando a finais de 2013 a Xunta de Galiza e a Sociedade Galega de Medio Ambiente, Sogama, anunciaron a suba, de até un terzo, do canon que os concellos pagaban polo tratamento do lixo fixéronse oír varias voces que presaxiaban un longo proceso que mesmo habería de rematar nos xulgados. Falamos disto en 'Que queda do taxazo de Sogama?'.

Facer das rías galegas sociedades anónimas.

'Lei de Acuicultura: abrir as portas á privatización das rías galegas”. O ante-proxecto da Xunta concitou en poucas semanas un rexeitamento frontal dos sectores do mar de Galiza, que ven nesta norma un paso para un cambio de ciclo en favor dos modelos de acuicultura industrial. Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en defensa da Ría de Arousa (que representa confrarías, agrupacións de mariscadoras, colectivos mariñeiros, asociacións de mexilloeiros,...), advirte: “Este ante-proxecto converte a gran industria acuícola na Raíña do Mambo”.

En 'A contaminación luminosa, o lado negativo da luz'. Analizamos as repercusións económicas, sociais e na saúde do exceso de alumeado artificial, que no caso das cidades pode alterar a escuridade natural a máis de cen km. de distancia. "Na Galiza poden gastarse ao ano no alumeado artificial entre 60 e 70 millóns".

“As aboas eran as grandes inventoras”

André Arzúa (Caldas, 1979) vén de publicar Cociña II, unha continuación da súa primeira obra. É pioneiro entre os cociñeiros modernos de Galiza en editar libros da súa cociña. O libro recolle un cento de receitas que ofreceu no seu restaurante A fábrica de Vilanova (Allariz). Este chef galego conta ademais cun programa de seu na TVG “A cociña de André”. Falamos con el da cociña galega. “Agora vémonos todos grandes inventores da cociña pero ellas, as aboas, eran as grandes inventoras".

'A recuperación que negan os dados oficiais': Os anuncios dunha remontada da economía na Galiza resultan un espellismo. Os dados non deixan lugar a dúbidas: máis desigualdade, máis persoas no limiar da pobreza ou na exclusión social, máis fogares que dependen de prestacións para vivir, máis dificultades para afrontar os gastos básicos, máis precariedade e menos ingresos provenientes do traballo. Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza, sinala que “en todo caso, a recuperación económica c hega ás capas superiores de renda”.

O home que rescatou a Casa de Rosalía

En 'Viaxes na Miña Terra' imos co Colectivo Xea de Ribadavia ás surxencias do río Cerves. Unha ruta de interese natural (contorna dos ríos Miño, Avia e Cerves) e histórico artístico e etnográfico xa que en pouco espazo incluímos a visita a Ribadavia, á capela de San Xes, facemos unha camiñada polas beiras do Avia e do Miño e visitamos un fenómeno xeolóxico de interese, as surxencias termais do río Cerves en Prexegueiro.

Neste número entrevistamos Roberto Somoza, director da Orquestra de Jazz de Galiza. E en 'O home que rescatou a Casa de Rosalía' falamos de Xosé Mosquera, un galeguista que en 1946 investiu aforros e convenceu amigos para comprar a Casa de Rosalía de Castro.

A maratón de Boston é considerada a carreira máis importante do mundo e vense celebrando anualmente, o terceiro luns de abril, desde 1897. Durante 70 anos foi unha competición exclusivamente masculina, até que en 1967 Kathrine Switzer, nacida en 5 de xaneiro de 1947, se converteu na primeira muller en se inscribir oficialmente. Contamos esta historia en 'Dorsal 261: a muller que só quería correr'.

Máis en Só en papel
Comentarios