#sermos176: todo pendente do 20-D

Entrevistas, análises e opinións para estes últimos días da campaña. Ademais, falamos do novo calote das prerentes, e conversamos con Marcos Calveiro ou David Couso, entre outros. Xa na nosa loxa.

capa176-2

Recta final na campaña do 20-D e neste semanario tratamos polo miúdo e desde diferentes pespectivas unha cita que se presenta como fulcral. 'O papel de Galiza no Estado en xogo neste 20-D' falamos como na nova repartición do poder territorial será chave a representación do país nas Cortes Xerais. En 'Que din os programas electorais?' debullamos os programas das diferentes formacións que se presentan a estes comicios para ver que propostas e achegas fan sobre cuestións como a economía, os servizos públicos, as liberdades civís ou o rol de Galiza nun contexto de reforma territorial.

Non acaba aquí o noso tratamento desta cita coas urnas. Neste semanario hai tres entrevistas. Con David Bruzos, nº1 de En Marea por Ourense, Joaquín García, candidato do PP por Lugo, e Noa Presas, que encabeza a candidatura de Nós por Ourense.

Máis de 1.500 persoas afectadas na Galiza. Máis de 40 millóns de euros. Un novo produto tóxico, os bonos subordinados e convertíbeis, deixa centos de pequenos aforristas do país sen os cartos que investiron, segundo denuncian, enganados polas entidades. Un tema que tratamos en 'A estafa das novas preferentes'.

Tamén tratamos os motivos de que os gandeiros volvesen mobilizarse para reivindicar prezos xustos. Falamos con produtores e representantes de organizacións agrarias. 'O contrato homologado, inservíbel para o sector leiteiro galego'.

Entrevista ao irmán de José Couso e a un veterano revolucionario venezuelano

O 8 de abril de 2003, a vida da familia Couso, de orixe galega, mudou para sempre. José, cámara que naquela altura traballaba para Telecinco cubrindo a invasión de Iraq, morría nun bombardeo norteamericano contra un hotel no que todo o mundo sabía que se aloxaban xornalistas. Neste número entrevistamos David Couso, irmán de José, que denuncia que “a actitude da Fiscalía xeral do Estado e da Audiencia Nacional foi sempre de sumisión aos EUA”.

Amilcar Figueroa. Historiador, militante da esquerda revolucionaria venezuelana e ex-Presidente Alterno do Parlamento Latino-americano (2006-2010). Unha entrevista a dupla páxina na que confesa que “o protagonismo que asumiren consellos e comunas determinará a sorte da Revolución” en Venezuela.

En Viaxes na Miña Terra percorremos co Colectivo Xea algúns dos pobos da fronteira galego-astur-leonesa preto dos cumes máis altos da Serra dos Ancares. Unha viaxe preciosa na que percorremos Piornedo, Balouta, Rao...

Fontán e Calveiro

Entrevistamos Marcos Calveiro. A pesar de declararse en seca creativa, Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) ten a gaveta chea de novelas. Na última delas, 'Fontán', que vén de publicar Galaxia logo de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol, rescata en forma de biografía novelada a vida dun dos personaxes máis interesantes e máis esquecidos da historia de Galiza. É Domingo Fontán, o matemático, o xeógrafo, o astrónomo, o político, o empresario. O autor da Carta Xeométrica de Galiza, máis coñecido como o “Mapa de Fontán”, o primeiro mapa realizado con método científico no Estado español. O mapa que lle puxo rostro ao país. “Fontán é un personaxe épico, de western, dinos Calveiro.

Todo isto, e moito máis, neste número 176 do Sermos Galiza, que xa podes adquirir na nosa loxa.
 

Máis en Só en papel
Comentarios