#sermos172: comedores escolares, o negocio posto en bandexa

Máis un número e ben completiño: entrevistas a Manuel Rivas e embaixador de Venezuela no Estado, as redes sociais como arquitectas de identidade, tomamos o pulso político a 'Nós' e 'En Marea'... Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

SG171

O número 172 do semanario Sermos Galiza xa está na rúa. A rescisión de contrato pola Xunta a dúas empresas de catering que fornecían centros de ensino e as reiteradas queixas sobre a comida servida en hospitais como o HAC de Vigo, poñen no albo un servizo que durante os anos de goberno de Feijóo encetou un proceso de privatización acelerada. Unha cuestión que analizamos na reportaxe 'O negocio posto en bandexa'.

En 'Máis consenso que primarias' falamos do proceso de configuración da candidatura de 'En Marea', na que concorreu unha única proposta elaborada polas organizacións políticas que asinaron a coligazón electoral. “Quixemos priorizar o encontro entre os sete espazos”, manifesta Rubén Pérez, de Esquerda Unida.

Tamén falamos dos grupos de traballo que están en marcha para elaborar o programa co que a coligazón 'Nós-candidatura galega' concorre a estas eleccións. A proposta de programa electoral deberá ser sometida a unha votación telemática por parte das persoas con dereito a voto. Contámoscho en '6 grupos de traballo para un programa colectivo'.

Facebook, Instagram ou Youtube estanse a converter en importantes espazos de socialización para a mocidade. Que impacto social ten isto? Unha pregunta que tentamos responder en 'Redes sociais, arquitectas de identidades para adolescentes'.

Malia ser o segundo territorio, só por detrás de Catalunya, en produción cunícola, o sector atravesa unha fonda crise en Galiza, debido a que os produtores perciben menos importe na venda dos seus coellos e pagan máis polos pensos que consomen. Unha situación que tamén abordamos neste número 172.

En 'O mundo imaxinario de Francisco Conde' testamos coa realidade as afirmacións do conselleiro de Industria de que as gradas de todos os esteleiros galegos están ocupadas. A realidade, en termos absolutos, é que o sector naval galego xa non é a referencia no Estado español.

Embaixador venezuelano: “Reclamamos a Europa que esqueza a visión colonial”

Entrevistamos Mario Ricardo Isea Bohórquez, embaixador de Venezuela no Estado español. Isea, enxeñeiro químico de profesión, ocupou en 2013 o posto diplomático, tras desempeñar importantes cargos no Partido Socialista Unido de Venezuela e ser un dos membros que redactou a Constitución bolivariana en 1999. “Cando se pon en dúbida o carácter democrático do noso país, sentimos que se nos agrede”.

Tamén neste número acudimos á nosa cita con 'Lugo é letras'. Desta vez o escritor e investigador Armando Requeixo mantén unha entrevista 'contrafactual' con Álvaro Cunqueiro, tirando as respostas do mindoniense de declaracións reais que fixo na súa vida.

E en 'A casa dos estudantes do Império' falamos deste berce da independencia das colonias africanas de Portugal. “A ditadura de Oliveira Salazar criou, em 1944, para mais facilmente controlar e pôr sob vigia os estudantes africanos que chegavam a Lisboa, a Casa dos estudantes do Império. E o tiro saiu-lhe pela culatra”, cóntanos Xoán Costa.

E en Viaxes na Miña Terra o colectivo Xea lévanos pola Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo. Na contra-capa, dous documentarios. Os dous feitos na Galiza. E ambos os dous seleccionados como candidatos para optaren aos Premios Goya 2016 cos que a Academia de Cinema española galardoa anualmente os mellores filmes.

Manuel Rivas: "A imaxinación é o lévedo da realidade"

Publicamos un avanzo editorial de 'O último día de Terranova', o libro de Manuel Rivas que está a saír do prelo. E falamos co escritor coruñés, que confesa que “Galiza está fóra de xogo politicamente”. E tamén nos conta que "a imaxinación é o lévedo da realidade".

Máis en Só en papel
Comentarios