#sermos171: Desarmadas contra a violencia machista

O día a día do terror machista, o desabastecemento da vacina da meninxite B ou a solidariedade galega que soborda fronteiras son algúns dos temas tratados neste número. Á venda xa na nosa loxa. 

Sermos171

'Desarmadas perante a violencia machista'. Este é o título do Tema da Semana. Na cidade de Vigo foron asasinadas 4 mulleres en 2 meses –máis da metade da cifra total na Galiza no que vai de ano. 

Olalla Fernández Davila e Rosana Pérez foron as deputadas do BNG no Congreso nesta lexislatura que vén de poñer o ramo. Falamos con elas do balanzo destes catro anos. “Ninguén fala de Galiza se non somos nós”, afirman.

A papeleta de Nós Candidatura Galega levará un só logo, o propio, mais si conterá o nome dos partidos que integran a coligazón, segundo puido saber Sermos Galiza. Irán en orde alfabética: BNG, Coalición Galega, Fronte Obreira Galega, Partido Comunista do Pobo Galego e Partido Galeguista. Falamos disto neste número no artigo 'Nós defende un proceso constituínte desde a Galiza orientado “á plena soberanía”.

'Meninxite B, vacinar en tempos de alarma social'. Boa parte das farmacias galegas teñen lista de agarda para dispensar un medicamento que, polo seu prezo, pode considerarse un artigo de luxo. A metade das doses solicitadas desta vacina en todo o Estado proceden de Galiza, embora estar perante a incidencia máis baixa da enfermidade no noso país desde hai décadas.

Enerxía, recurso público

A demanda da enerxía como un recurso público, xestionado en base aos dereitos e necesidades das persoas , chega ao Parlamento para o seu debate. Faino a través dunha ILP da CIG apoiada por 18.000 sinaturas, con medidas concretas e desfacendo tópicos . Abordamos este tema en 'Tarifa eléctrica galega: o principio da fin do apagón sobre os nosos recursos'.

En 'Solidariedade galega que soborda fronteiras' achegámonos a Ana González, a oftalmóloga ferrolá que vén de rematar no Togo unha campaña para solucionar os problemas de visión de decenas de persoas sen recursos.

Na sección de Internacional falamos de Portugal e Catalunya, dous países que están nom albo da actualidade, o primeiro polo goberno de coligazón de esquerda e o segundo pola declaración independentista do Parlament. En Laboral contamos, entre outras cuestións, como a UE recuou finalmente e excluiu as redes do 'xeito' da prohibición

En 'Viaxes na Miña Terra' o colectivo Xea proponnos unha xornada para gozar do outono na Ribeira Sacra do Miño camiñando polos concellos de Chantada e o Saviñao, co río polo medio, por entre as viñas colgadas das paredes do canón e soutos fraguizos e carballeiras que se desenvolven só nos poucos sitios onde o releve e a falta de exposición ao sol non permiten o aproveitamento agrícola. Én 'De Belesar a Belesar, e volta'.

Falamos con 'Brothers in Band', a mellor banda tributo aos Dire Straits'.“Nós somos intérpretes, actores musiciais, estamos xogando -tanto o público coma nós- a que estamos nun concerto de Dire Straits”, dinnos.

Darío Xoán Cabana e Illa Couto

No centenario de Xaime Illa Couto entrevistamos o seu biógrafo, Xosé Luis Pastoriza, co que falamos da vida e obra dunha persoa a través da que se pode seguir a evolución de Galiza naquelas décadas.

Neste Sermos 171 tamén vai a cita coa sección 'Lugo é letras'. É a quenda do escritor Darío Xohán Cabana, apresentado polo músico Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, que pasou por Fuxan os Ventos e A Quenlla.

Na contra-capa, falamos dun roteiro polas pegadas das baleas na Galiza. Unha experiencia única que decorre baixo o nome 'Pastoreando baleas: o oficio que nunca existiu'.

Máis en Só en papel
Comentarios