#sermos170: dous proxectos estratéxicos distintos

Crónica da unidade imposíbel, a loita da frota do cerco, a castaña como motor económico, a operación da AN contra o independentismo, unha entrevista entre o imaxinario e o real de Xosé M. Pereiro a Lois Pereiro. Isto, e moito máis, á venda na nosa loxa

SG170

'Crónica da unidade imposíbel' é o título do tema da semana deste nº170 do semanario 'Sermos Galiza'. Unha reportaxe a dupla páxina que vai acompañada dun artigo de Suso de Toro titulado 'A candidatura que non foi posíbel e a posíbel'.

Tamén falamos da loita que mantén a frota do cerco de Galiza. Suman xa 3 semanas de campamento ás portas de San Caetano para demandar un reparto das cotas de pesca que non prexudique a frota cerqueira galega e evite "a desaparición do sector". Armadores e mariñeiros insisten na responsabilidade do Estado e da Xunta nun problema derivado dunha decisión política na que Galiza non contou. Contámoscho na reportaxe 'O cerco: unha loita contra vento e maré'.

'AP9', un negocio único e eterno' debullamos o que é, con toda probabilidade, o maior negocio en materia de infraestruturas que existe en Galiza. Os ingresos por peaxes aumentan un 5,4% até situarse nos 62,3 millóns no primeiro semestre.

A detención da dirección nacional de Causa Galiza, ordenada pola Audiencia Nacional e executada pola Garda Civil cun imponente despregamento militar en 6 localidades galegas, aplica en Galiza a "lexislación de excepción" que o Estado executou na década pasada contra a esquerda abertzale. Falamos con avogados e familiares dos detidos para coñecer o impacto e obxectivos dun operativo desmedido e “político”. En 'Operación Jaro: as liberdades políticas baixo sospeita'.

A economía de ir soutar.

Para alén dos magostos, das castañas asadas e cocidas, este produto sitúase nun elemento dinamizador do meio rural. Cooperativas e iniciativas pulan por un produto que, alén dos beneficios económicos para moitas comarcas, ten tamén unha “importancia social” chave. En 'A economía de ir soutar' tratamos todo isto.

Entrevistamos Miguel Alvariño, das Pontes, que é gañador da Copa do Mundo de tiro con arco. “Antes probara co fútbol, mais non gostaba de correr nin de mollarme”, afirma na conversa. “O obxectivo é ir a Río-2016. É o meu soño desde que comecei a practicar este deporte”.

Begoña Caamaño e Fernando Pessoa

Dous libros colectivos e unha homenaxe lembraron a escritora e xornalista Begoña Caamaño un ano despois da súa morte. Amigas e autoras convocan a súa memoria co mesmo entusiasmo que ela sementou en vida. Contámosche o acto na reportaxe 'As voces das amigas cantan a Begoña Caamaño'. "Tecía fíos que nos unían nunha comunidade que compartía cariño, liberdade e amor pola vida", din dela.

En 'Fernando Pessoa, publicista da Coca-cola' falamos dum slogan do escritor que introduziu a Coca-Cola em Portugal mas a bebida foi proibida no mesmo ano e não retornou até 40 anos mais tarde. “O anúncio de Pessoa ficou apenas no papel, não por razões comerciais, mas si políticas” cóntanos Xoán Costa nesta reportaxe.

Alonso Caxade confírmase como a revelación da música galega dos últimos anos. Logo de 90 concertos polo país adiante, vén de ser seleccionado como representante galego no Festival Europeo da Canción en Linguas Minoritarias Suns Europe que se celebra en Udine (Friuli, Italia) o próximo 11 de decembro. Non perdemos a oportunidade de contarcho.

En Viaxes na Miña Terra imos ao faial da Pintinidoira, andando entre O Courel e Os Ancares, e gozando dunha zona única da man do colectivo Xea. “Aproveitar a ocasión para gozar do primeiro gran espectáculo do outono, da forza, a intensidade e a variedade de cores que ofrecen”.

Extintivos e Lois Pereiro

Volve neste número a sección 'Extintivos', de Antón Lopo. Fálanos de Carme Carracedo, fareira, 'A dadora de luz'. “Carme Carracedo é extintiva por partida dobre: o seu oficio de torreira foi oficialmente declarado en extinción e ela mesma [xunto aos seus dos compañeiros de faro] é a derradeira habitante de Sálvora, no parque nacional das Illas Atlánticas”. Así comeza a reportaxe de Lopo.

“A´poesía é o que se arrinca da morte”. Eis o título da entrevista que, entre o real e o imaxinario, Xosé M. Pereiro fai ao seu irmán, Lois Pereiro na sección 'Lugo é letras'. “Todo aquel que escribe é para que o recoñezan, ou como dicía o poema de Carver que citaba ao comezo de Poesía última: “ E conseguiches o que/ querías desta vida?/ Conseguino, si./ E que querías?/ Considerarme amado, sentirme/ amado na terra.”

Na contra-capa falamos de 'Xiro', pantalóns vaqueiros con certificación ecolóxica, 'eco-jeans' atlánticos. E contamos con artigos de Luz Darriba e Xavier Queipo. E a críticas de cinema de Andrés Castro ('Les chevaux de Dieu') e a crítica literaria de Mario Regueira ('Ostrácia', de Teresa Moure).


 

Máis en Só en papel
Comentarios