#sermos168: galego-falantes na defensa dos seus dereitos

Falamos con persoas que fixeron publicos a súa discriminación lingüística, debullamos os orzamentos da Xunta para 2016, falamos de diversidade funcional e dereito a pracer, entrevistamos Francisco Jorquera e Diego Ameixeiras, de quen publicamos un avanzo da súa nova obra... Xa á venda na loxa.

Sin nombre

O semanario Sermos Galiza chega ao seu número 168. Como Tema da Semana, os galego-falantes en defensa dos seus dereitos, unha dupla páxina na que co título 'Dar a cara polo galego' falamos con persoas que, conscientes da exclusión do idioma, tiran de valentía e fan públicos casos de discriminación lingüísticas.

Un manifesto de persoas da cultura piden un "esforzo urxente" ás plataformas e aos partidos, mais Marea Galega non se move do marco estabelecido no acordo de Anova coa esquerda estatal. Unha cuestión que tratamos en 'Últimos (e falidos?) intentos de lograr a unidade?'.

"O que ameaza o 'statu quo' no Estado español é o nacionalismo"

Entrevistamos Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento galego e membro da Executiva da fronte nacionalista. Proceso de confluencia para as xerais, retos do nacionalismo, debate do estado da nación... son algunhas das cuestións polas que lle preguntamos. "O que ameaza o 'statu quo' no Estado español é o nacionalismo", afirma na entrevista.

En 'Contas para facer esquecer recortes por dez mil millóns de euros' debullamos os orzamentos da Xunta para 2016, que inclúen un aumento no gasto de 365 millóns, cifra miúda en comparanza co volume dos recortes en 7 anos de 'Gobernos Feijóo'.

A poucos meses de rematar o seu segundo mandato, Alberto Núñez Feijóo vén de anunciar un xiro no seu goberno. O presidente da Xunta aproveitou o último debate sobre o estado da nación para proclamar o fin das políticas de austeridade que, durante seis anos, se traduciron nos maiores recortes orzamentarios da historia galega. Coñecemos que hai detrás diso na reportaxe 'A realidade tras das cifras da Xunta en materia social'.

'Yes we fuck'

Deconstruír a sexualidade para a arredar desa “visión parcial” que a reduce á “xenitalidade” mais tamén garantir o dereito de todas as persoas a gozar dela. Eis a loita das persoas con diversidade funcional. Non son “anxos”, defenden. Un tema que tratamos a dupla páxina en 'Diversidade funcional e dereito ao pracer'. “A sexualidade non é única, hai moitas formas de expresala”, confésanos Anxela López, protagonista do documentario 'Yes, we fuck'.

A Conferencia Episcopal recibirá 13,3 millóns de euros mensuais en 2016 só como anticipo polo IRPF. 'A igrexa católica, cada día mellor' é o título da nova na que falamos da da institución que é, a día de hoxe, o primeiro propietario de bens terrenais (inmóbeis e fincas) do Estado.

Na sección 'Lugo é letras', de Cultura, redescubrimos Lois Diéguez, un dos máis destacados novelistas da literatura galega actual, un escritor constantemente preocupado por explorar a sociedade no seu conxunto e na súa complexidade, mais tamén todo o que ten a ver coa problemática do ser humano nos seus aspectos máis íntimos

En Viaxes na Miña Terra imos máis unha vez da man do colectivo Xea. Desta volta, unha ruta de interese paisaxístico, natural, histórico e etnográfico. 15 km, e algunhas voltas, para percorrer, por onde é posible e preto da costa, a distancia que separa a praia das Furnas, en Xuño, do Porto do Son.

Ameixeiras

Publicamos un avanzo da nova obra de Diego Ameixeiras, 'A noite enriba', que se publicará en novembro, unha novela que homenaxea o escritor americano David Goodis e a novela negra popular que se publicaba nos anos 40 e 50 nos Estados Unidos. Entrevistamos o escritor nado en Laussanne. “Eu non vivo da literatura, senón que entre as moitas cousas das que vivo unha pequena parte é a literatura. Directamente dos dereitos de autor eu non vivo, como non vive a gran maioría dos escritores deste país”.

En 'Literatura, a chave de Hirondina Joshua para abrir horizontes' achegámonos a esta escritora (Maputo, 1987). Falamos con ela. E na contra-capa, 'Memoria pétrea do Courel', un percorrido ao que nos convida Adega polos castros nunha das máis fermosas zonas do país.

As eivas no transporte de viaxeiros e a pasividade da Xunta é outro dos temas que tratamos neste número 168. Un semanario no que non falta a crítica de cinema ('Que horas ela volta?) e de literatura (Alegría!). 

Máis en Só en papel
Comentarios